Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O día de mañá
Pois mira ti, que creo que nunca vira ningunha película dirixida por Roland Emmerich, e nunha semana caeron dúas. A de “Stargate” xa foi buscada, porque me chamaba a atención. Pero “O día de mañá”, do ano 2004, apareceu por casualidade. Estaba zapeando, atopeime con ela cando levaba 5 minutos, vin que me cadraba ben no meu horario, e lanceime a por ela.

Non sabía moi ben de que ía, pero sabía que era de catástrofes, ese xénero tan curioso. E tamén lembraba que, no seu momento, cando a estrearon, as impactantes imaxes do trailer cunhas ondas xigantes pasando por riba da Estatua da Liberdade e de Manhattan me chamaron a atención. Hai que ter en conta que poucos anos antes foran os atentados das Torres Xemelgas. Xa sabedes que non hai que ser moi esixentes con este tipo de produtos, pero polo menos dan lugar a imaxes moi potentes.

A trama xira arredor do cambio climático. Moitos expertos presentaran apocalípticas consecuencias do estilo de vida actual en boa parte do planeta, pero por algunha estraña razón, fórmanse tres xigantescas tormentas que van cubrir boa parte do hemisferio norte e van levar en cuestión de horas ou días a toda esa zona a unha época de glaciación, baixando as temperaturas moitísimo.

Se non lembro mal, unha das tormentas (a que centra a historia da película) está sobre América do Norte, outra sobre o Ártico e a terceira sobre Siberia, que digo eu que afectaría a Europa e Asia, pero desas dúas non se ve case nada, todo está centrado en Estados Unidos e principalmente en Nova Iork. Comeza primeiro cunha gran subida do nivel do mar e despois baixa moitísimo a temperatura, de forma que se pon a nevar, pero indo máis alá, a xente que está na rúa queda conxelada en cuestión de segundos. Unha das imaxes máis impactantes é cando se ve pasar un mercante ou petroleiro ruso por unha rúa de Manhattan totalmente inundada (para iso valen este tipo de películas).

Os principais protagonistas son unha familia algo lixeiramente desapegada entre sí, formada por Dennis Quaid (pai), Sela Ward (nai) e Jake Gyllenhaal (fillo). O pai é o meteorólogo que predixo a catástrofe, que algúns políticos seguen calificando como tolo, pero que cando se monta o cirio, todos seguen as súas ordes, porque todos ven que ten razón e que predi correctamente todo o que vai suceder. A nai é médica nun hospital onde hai nenos con cancro, e queda a acompañar ao último en ser rescatado. E o fillo é supostamente un rapaz moi listo, que vai en avión a Nova Iork cuns compañeiros de clase para participar nun concurso cultural representando ao seu instituto, todo iso cando a cousa xa pinta moi fea.

Pois nada, que está todo fatal, e cando a cousa xa está encarrilada (ou sexa, que xa saben que teñen que evacuar a parte sur dos Estados Unidos, porque coa do norte non hai nada que facer), vai o pai, e descubre que o seu fillo aínda está vivo, e atrapado na Biblioteca Pública de Nova Iork (se lle chaman así, será porque hai só unha, cousa que me estraña). Así que, cun par de colegas, con todo nevado e facendo un frío que flipas (o resto da xente se conxela cando está na rúa, pero eles non, por algunha estraña razón), vanse en coche a Nova Iork (non sei a que distancia estaban exactamente, pero el mesmo deixou ao seu fillo no aeroporto ao comezo da película). Polo medio empotran o coche, e seguen a pé. Un deles morre dun terrible accidente. Acaban chegando á Biblioteca Pública de Nova Iork, e abraza ao seu fillo e as persoas que conseguiran salvarse con el. Incrible non, o seguinte.
Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2020 15:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal