Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O ouro de MacKenna
Hai uns días deuse a casualidade de que botaban en diferentes cadeas de televisión varias películas máis ou menos interesantes para levar mellor estes días de confinamento, así que aproveitei.

Unha desas películas que botaban era "O ouro de MacKenna", dirixida en 1969 por J. Lee Thompson. A estrela da película (aínda que hai máis) é Gregory Peck, e entroume o interese, porque é unha película da que vin o seu trepidante final unha chea de veces, pero por algunha estraña razón, non vira o seu comezo ou non o lembraba en absoluto.

Efectivamente, o seu tremendo final (debe ser o único western que remata cun terremoto, perdón o spoiler) destaca moito sobre o principio, que non está mal, pero claramente é máis frouxo. A ver se o dou explicado ben.

Resulta que existe unha lenda india no deserto (paisaxes sobrecolledoras), que di que hai unha grande veta de ouro nun escondido val, que é territorio sagrado, e que ninguén debe tocar. Os brancos xa fixeron moitas expedicións para intentar atopar ese val, que non se sabe moi ben onde está, pero ninguén o viu. Vaia, máis ben alguén si. Un tal Adams si chegou a estar alí dentro, pero os indios que estaban con el deixárono cego, para que non puidera revelar o escondite.

Ao comezo da película, dun xeito algo estraño, hai un enfrontamento entre un vello apache e o sheriff MacKenna (Gregory Peck), e este mata ao outro. O apache levaba un mapa para localizar o val do ouro. O sheriff memorízao e quéimao, aínda que el era moi escéptico, e dicía estar convencido de que ese lugar non existía.

E agora aparece unha estraña banda formada por personaxes de todo tipo, que cada vez é máis grande, que van buscando ese mesmo ouro. Está liderada por un bandido chamado Colorado (Omar Sharif). Hai uns cantos indios e indias, unha fermosa muller que é a filla do xuíz que perseguía a Colorado, aínda que el non o sabe (Camilla Sparv, unha actriz sueca que non me soa de nada máis; curioso, outro western que intentou aproveitarse dunha actriz fermosa que non triunfou). E por se non chegara con iso, moitos outros individuos, que non se sabe moi ben que pintan nesa expedición. Aproveitaron para meter aí a secundarios de luxo como Burgess Meredith, Eli Wallach ou Edward G. Robinson (que fai do anciano e cego señor Adams, que espolea a súa imaxinación contando a súa experiencia de cando estivo no val do ouro). E ademais, tamén son perseguido por un grupo da cabaleiría, liderado por Telly Savalas, que mata a todos os seus subordinados, e se une ao estraño grupo ao final.

O caso é que, por circunstancias varias e enfrontamentos cos apaches, quedan ao final un grupo de 5-6 expedicionarios nada máis. E todos dependen de MacKenna, que é o único que, teoricamente, sabe como chegar, pero el tampouco o ten nada claro. E chegamos a esa parte final da película, que xa vira varias veces (e seguro que vós tamén), e que está moi ben.

Chegan a un sitio dunha fermosura excepcional, rodeados de estrañas formacións rochosas no deserto (non sei se é o Monument Valley, pero algo así). Pasan alí a noite porque, teoricamente, cando saia o sol, a sombra dunha daquelas torres de pedra, vai marcar o punto exacto no que hai un pasadizo para entrar nese recóndito val. E efectivamente así é.

Entran os supervivintes cabalgando a través dun túnel e atópanse nun pechado val no que hai unha deslumbrante veta de ouro na base, que os atrae con moita forza claro. Baixan ata alí, xogándose a vida nos precipicios.

Chegan á veta, collen todo o ouro que poden, báñanse nunha charca que hai alí onde todo é ouro. Pero a cobiza é mala conselleira, hai un novo enfrontamento entre eles e só quedan tres: MacKenna, a moza e Colorado.

A moza comeza a escalar cara unha especie de refuxios (a min sóame a poboados apaches que teño visto en libros e documentais) que están máis arriba na montaña. E alá van os dous homes detrás, por razóns obvias. Peléanse alá arriba, incluso hai algún tiro.

E aquí chega o momento flipante, xa que debido a eses disparos, berros e outros incidentes similares, semella que a impresionante xeoloxía do lugar quéixase, e comeza a haber temblores de terra, que naquel lugar tan pechado e rochoso pode ter consecuencias fatais.

Así que baixan de novo ao fondo do val, collen todo o que poden e marchan por onde viñeron, coa amenaza de que lles caían enriba pedras de toneladas que están caendo por todas partes.

Conseguen saír os tres do val polo pelos, despídense, e na última toma descubrimos que MacKenna e a moza (Colorado parece que non), van ser ricos porque, sen querer, colleron na volta os cabalos duns compañeiros de expedicións que tiveran tempo para encher as alforxas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-05-2020 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal