Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Xeración Nós: Galeguismo e Relixión
O oitavo libro lido neste confinamento foi o titulado "A Xeración Nós: Galeguismo e Relixión", escrito polo bo amigo Victorino Pérez Prieto, gran teólogo galego. O tema relixioso non me interesa demasiado, pero aproveitando que neste estraño 2020 se cumpren 100 anos da saída da Revista Nós, que deu nome a esta insigne xeración, pois decidín animarme.

No libro se fala principalmente, da vida, obra e sentimento relixioso das que están consideradas as catro figuras principais da Xeración Nós: Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Alfonso Daniel Castelao. Nalgún sitio menciónanse outros catro persoeiros que formarían a segunda fila desta xeración: Antón Losada, Antón Vilar Ponte, Xoán Vicente Viqueira e Ramón Cabanillas.

Deses catro persoeiros principais, hai que destacar que os tres primeiros (Otero, Risco e Cuevillas), son case coetáneos, foron amigos dende pequenos e tiveron unha traxectoria máis ou menos similar, polo menos nalgunhas épocas, dende o punto de vista ideolóxico. Naceron na década do 80 do século XIX, no centro de Ourense, e ata o 1918 (que andaba pola trintena), eran xente moi culta pero que non se implicaba o máis mínimo en temas sociais e polícitos. Incluso, xusto antes de entrar no galeguismo, incluso desprezaban a lingua e cultura galegas. Castelao naceu nos mesmos anos, pero a súa traxectoria foi totalmente diferente.

Ramón Otero Pedrayo parece que foi sempre unha persoa moi coherente e con principios, e iso fixo que perdera a súa cátedra durante algúns anos, por non apoiar o golpe militar do 36. Era moi relixioso e crente, pero veía claras contradicións entre a súa crenza e doctrina e a das xerarquías eclesiásticas que apoiaban o franquismo.

Vicente Risco xa era outra cousa. Polo que parece, era un portento intelectual, como demostrou nos aproximadamente 15 anos (non máis) que estivo implicado no movemento galeguista. Pero antes diso pasou bastante do tema, incluso con desdén. E era moi romántico, no sentido de ser moi seguidor de culturas e relixións exóticas. Pero a comezos dos anos 30 foi de viaxe por Europa, e volveu moi cambiado, cun xiro ideolóxico moi reaccionario (que casualidade, estivo en Alemania a comezos dos anos 30, e parece que lle gustou o que viu). E cando foi o golpe do 36 e nos anos posteriores, apoiouno claramente. Parece que era un tipo moi medoso, estaba obsesionado co demo, ao que vía por todas partes. Sempre foi ultracatólico e só tivo uns anos (xa digo, uns 15, como moito) no que pareceu unha persoa mínimamente sensata e implicada coa sociedade na que vivía. Un personaxe que non me convence o máis mínimo. Ademais, neses 15 anos, fixo moitas cousas interesantes, pero tamén creo moitas disensións e faccións que desunían, tanto nas Irmandades da Fala como no Partido Galegusita. A min paréceme que era bastante mal bicho.

Florentino López Cuevillas estudou Farmacia, pero nunca lle interesou demasiado traballar niso. Polo visto, consumía moitos medicamentos, así que ese debía ser o seu interese. Dedicouse principalmente á arqueoloxía e prehistoria, campos nos que destacou. A súa obra literaria foron ensaios e artigos, principalmente deses dous temas. Dende o punto de vista literario, o máis frouxo dos catro, obviamente. Parece que tamén era bastante relixioso, pero non tanto como Risco, claro, que xa era fanático.

Castelao xa tivo outra vida. Aparte de que estivo uns anos emigrado en Arxentina cando era rapaz, seguindo á familia, a súa vida principalmente foi en Pontevedra, como funcionario, e tamén profesor de Debuxo no Instituto. Tamén tivo unha xuventude xoldeira e descomprometida, da que el mesmo se avergoñaba. Pero cando chegaron as Irmandades da Fala, subiuse ao carro e xa non parou en 35 anos. A súa obra é bastante coñecida, non creo que haxa moito que dicir. Segundo Victorino, parece que tamén tiña un certo sentemento relixioso, pero semella unha broma comparado co dos seus compañeiros beatos ourensáns. Unha das súas crises tamén foi nos anos 20, cando estivo visitando Europa cunha beca de investigación, pero semella que simplemente lle asaltou un certo sentimento de relixiosidade popular galega, que tiña esquecido. Di que París e Notre Dame tiveron moito que ver niso.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2020 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Estaría ben levar a este autor ao progra#blgtk08#ma RECENDO... Parece moi interesante ;)
Comentario por (12-05-2020 18:59)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal