Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Río Lobo
Aproveitando que neste confinamento teño máis tempo para ver películas na televisión, e que, se cadra, están botando máis e mellor cine ca antes (iso non podo aseguralo, ao mellor antes tamén o había, pero eu non me enteraba), estou vendo películas cuxo título me soa algo, do cal deduzo que se cadra son boas ou salvables.

Onte vin un "western" do que me soaba o título. Non estivo mal, pero se cadra tampouco é un super-clásico. Titúlase "Río Lobo", foi dirixida por Howard Hawks en 1970 (creo que foi a última película que fixo), e o principal protagonista é John Wayne (xa se lle notaba maior, tiña máis de 60 anos).

Foi secundado por uns actores e actrices que, para min, non eran demasiado coñecidos (máis ben nada). Jorge Rivero é un actor mexicano, e facía un papel similar. Christopher Mitchum supoño que será o fillo de Robert Mitchum, tiña un aire a el. E a contrapartida feminina era Jennifer O'Neill, unha muller moi fermosa, que non me soa de nada e que apenas fixo carreira no cine, ou en películas moi mediocres (que curioso, isto mesmo pasoume hai unhas semanas con "Misión de audaces", dá que pensar...). Ah, tamén está o fotoxénico e birollo Jack Elam.

A película comeza moi ben, pero despois perde ritmo, para o meu gusto, e xa se converte nun produto audiovisual máis convencional, cuns "bos" dándolle unha lección aos "malos", todo xa moi visto. Pero o comezo é moi espectacular.

Estamos nos últimos días da Guerra de Secesión, Norte contra Sur. Os "yankees" do Norte van mandar un tren cun vagón onde vai un cargamento de ouro, que vai bastante ben protexido. Pero hai uns "rebeldes" do Sur (como a guerra a ganou o Norte, os rebeldes son os outros, obviamente) que, divididos en dous equipos, van intentar roubar ese ouro nun tramo duns dez quilómetros. E o fan dun xeito bastante intelixente e vistoso.

Primeiro, están espiando as comunicacións telegráficas, para confirmar que o ouro vai nese tren (teñen espías que llo dixeron). Segundo, un equipo unta as vías do tren con grasa nunha costa arriba, para que o tren, co peso, a costa e a grasa, non sexa capaz de subir. Terceiro, nun tramo anterior a ese, outro equipo coloca un bo feixe de cordas de lado a lado da vía, para que, cando o tren volva costa abaixo e marcha atrás, sexan capaces de paralo onde a eles lles convén. Pero claro, teñen que facelo unha vez que o tren pasa de largo. Cando o tren patina cara atrás, o primeiro grupo asalta o tren, e mete un nido de avespas no furgón onde vai o ouro. Cando xa todos os soldados do Norte saltaron do tren en marcha, meten algo ardendo para que saian todas avespas. Inxenioso.

Pero despois, a película perde forza. Resulta que uns días despois remata a guerra. E o militar do Norte, protagonizado por John Wayne, fai amizade con varios dos que comandaban o grupo que lle roubou o ouro. E por avatares da vida, coinciden nun pobo de Texas chamado Río Logo, que está tomado por un cacique e os seus matóns, que teñen aterrorizado ao pobo. Resulta que ese cacique era un dos traidores do Norte que lles estaba pasando información aos do Sur para ese tipo de atracos. E John Wayne non pode permitir iso, obviamente. O que vén despois, máis ou menos xa o podedes intuír.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-05-2020 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal