Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A idade da penumbra
Acabo de ler un libro que merquei hai varios anos e ao que lle tiña moitas ganas. Titúlase "A idade da penumbra" e foi escrito pola xornalista inglesa Catherine Nixey.

Casualmente, cando buscaba algunha foto ou vídeo para ilustrar este artigo, atopei algún comentario ou artigo en webs que "poñía verde" este libro. A verdade é que non teño, en absoluto, coñecementos nin saberes suficientes para poder afirmalo, pero como intuiredes cando saibades a temática do libro, estaba claro que a algunhas persoas non lles ía facer ningunha graza o que se di neste libro. A min, sen sabelo a ciencia certa, non me parece ningún disparate, pero cada un...

Este libro explica, con moitos exemplos, como o cristianismo intentou acabar (e máis ou menos o conseguiu) co mundo e a cultura clásica. Tendo en conta que o cristianismo naceu, aproximadamente, hai uns 2000 anos (esa parte non haberá que explicala, supoño), durante os primeiros séculos foi unha relixión ou secta (eu sigo sen ter clara a diferenza entre elas, porque os crentes de calquera doctrina din que a súa é a única relixión, e que todas as demais son sectas; así non se pode) con non moito éxito. Supoño que o mesmo que lle pasou ás demais.

Incluso nos primeiros séculos os cristianos se queixaban de ser perseguidos, especialmente polo Imperio Romano. No libro dise que, certamente, algo diso houbo, pero bastante menos do que se di. E o exemplo de Nerón non vale, era un trastornado que perseguiu a todo o mundo mentres estivo vivo. Nalgún momento, os cristianos foron para el un bo chivo expiatorio para tapar os seus trastornos, pero non foi o único que tivo.

Pero a comezos do século IV, un emperador romano, Constantino, publicou unha Lei segundo a cal os cristianos deixaban de ser perseguidos. E despois promulgou outras coas cales estaban cada vez máis protexidos e incluso se lles daba preponderancia. Algún tempo despois, a finais dese mesmo século, outro emperador, Teodosio, marcou que o cristianismo era a relixión oficial do Imperio. Seguro que a todos vos soan os nomes destes dous emperadores (dos moitos que houbo en Roma), pero probablemente se deba ao bombo e platillo do cristianismo, que obviamente os venera. De feito, o Imperio Romano partiuse en dous despois de Teodosio, así que, se cadra, tampouco era tan competente, pero quen sabe...

O caso é que o libro di que, sobre todo, nos séculos IV, V e VI, o cristianismo e moitos grupos dos seus seguidores se volveron tremendamente agresivos e comezaron a perseguir e a destruir moitos edificios, estatuas ou obras de todo tipo de mundo clásico grecolatino. Seguramente agora, un dos casos máis coñecidos, debido á película "Ágora", é o asasinato de Hipatia á man dos parabolanos, unha das sectas cristianas que se movía por Alexandría.

Precisamente as grandes cidades do imperio, como Alexandría, Atenas ou Roma, é onde máis visibilidade tiveron esos destrozos, porque era onde máis había que destrozar, onde máis libros había que queimar nas bibliotecas. As estatuas que agora vemos destrozadas nos grandes museos, como as do Partenón e outros grandes edificios da antigüidade (o pouco que se conserva), parece (din no libro) que non están deterioradas polo transporte ou as guerras, senón pola brutalidade dos cristianos durante aqueles séculos principalmente.

Si que me fixo pensar este libro que, efectivamente, as relixións monoteístas foron sempre as máis imperialistas e intolerantes, sempre obsesionadas en impoñer as súas crenzas e levalas a todas partes, para evanxelizar os infieis. As barbaridades que todos vemos agora, por exemplo, no Islam (en parte del, por suposto), as fixo antes o Cristianismo (aínda que agora lle coste recoñecelo), e serviulle para ter un papel preponderante no planeta, que agora semella estar perdendo, e non lles fai graza. Con respecto á terceira gran relixión monoteísta, o Xudaísmo, só hai que mirar o Estado de Israel, e o que fan os moitos xudeus que hai polo mundo, que tampouco semella un bo exemplo a seguir. Si, na miña opinión, non crer en ningún deus, ou crer nuns cantos diferentes, parece máis axeitado para converterse nunha persoa tolerante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2020 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal