Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Rebelde entre o centeo
Como dicíamos, aproveitando que agora teño máis tempo para todo en xeral, ás veces algunha cadea bota algunha película que pode valer a pena. O outro día botaban na 2 sen cortes "Rebelde entre o centeo" e fixen un esforzo.

"Rebelde entre o centeo" trata basicamente da vida (que foi longa) de Jerome David Salinger, o autor da célebre novela "O guardián entre o centeo", pero sobre todo céntrase nos anos anteriores e posteriores á publicación desa importante novela.

Levo anos oíndo falar moi ben desa obra, pero o caso é que non cadrei nunca con ela. Polo que teño entendido, está moi ben, pero hai que lela na adolescencia ou xuventude, porque expresa o punto de vista dun adolescente moi rebelde, e lela máis maior seguramente faga máis difícil conectar con el. Se é así, eu chego bastante tarde, pero espero cruzarme con ese libro algún día, malo será.

Polo que xa sabía, e tamén se recalca na película, se a novela é rebelde, o seu autor non o era menos, e durante toda a súa vida. Sempre tivo fama de ser bastante raro e reservado, tanto que lle custou triunfar (a pesar de que parece que tiña bastante calidade), pero sobre todo porque a súa personalidade era moi peculiar, e sobre todo, non quería pasar por convencional.

Despois desta novela publicou algunhas obras máis, pero que tiveron moita menos repercusión. Non quería conceder entrevistas, foise a vivir a unha pequena casa no medio dun bosque no estado de New Hampshire, un dos máis pequenos do país (máis pequeno que Galicia), e morreu alí. Cando tiña pouco máis de 40 anos decidiu que non ía publicar máis e case non volveu saír da casa (viviu ata os 90). De feito, apenas hai fotos del de maior, e as únicas que hai son bastante cabreado porque o descubriron e seguiron. Ou sexa, que debía ser malo de ferrar, como se di vulgarmente.

Na película, o papel de Salinger é protagonizado por Nicholas Hoult, actor novo do que non oíra falar. Algo que me estrañou algo (non sei se é un defecto da película, pero podería ser) é que eu non lle notei apenas ningún cambio físico ao actor entre os 20 anos, que se vai á Segunda Guerra Mundial e os 40 e pico anos, cando decide apartarse totalmente da vida pública. Estráñame bastante que apenas cambiara nesas épocas da súa vida.

O secundario que máis destaca é Kevin Spacey, que fai dun profesor de escritura que lle deu clase na Universidade de Columbia, creo. Vin bastante vello a este actor (había tempo que non o seguía en películas ou series). Ademais, teño entendido que cando saíu esta película, no 2018, acaba de desvelarse o escándalo de acoso sexual do que o acusan, así que todo debeu unirse, supoño.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2020 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal