Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O que arde
Onte pola noite, por fin, fun ver "O que arde". A verdade é que non houbo nada que mo impedira mortalmente nos meses anteriores, pero si que me daba moita pereza. Fixen o trato comigo mesmo de que, se no Nadal seguía nas salas de cine, faría o esforzo. Tendo en conta que se estreou o 11 de outubro, ten moito mérito, xa leva 2 meses e medio nas salas, que para unha película galega é case record do mundo. "A Esmorga" estivo tamén uns 3 meses, se non lembro mal.

Eu fun vela porque vin que só quedaba unha sesión ás 22.50 horas nun dos catro complexos de multicines que hai na Coruña, así que supuxen que probablemente na seguinte quenda xa a sacarían da proxeción. Pero ao mellor me equivoco, porque na sesión á que fun eu, véspera da Noiteboa, estabamos unhas 30 persoas, así que parece que segue tendo moito tirón.

Agora vou contar por que me daba tanta pereza ver unha película galega que está gustando tanto. A ver, este é a terceira longametraxe de Oliver Laxe, non sei se fixo curtas ou algo similar. E como ten certo prestixio e traxectoria, e levou xa uns cantos premios por exemplo en Cannes (non só con esta película, senón tamén coas anteriores), eu xa vira as súas dúas anteriores películas, "Todos vós sodes capitáns" e "Mimosas".

Teñen un certo prestixio esas dúas películas, pero a min parecéronme soporíferas e pretenciosas. De feito, xa se levaba anos falando de Oliver Laxe como "novo cinema galego", porque el vive en Francia e Marrocos principalmente, pero todo o que fai parece ter o galego como lingua principal, polo menos na súa promoción. Pero eu sigo véndoas como "cine marroquí", non con ánimo pexorativo, senón descritivo. Transcorren nese país e a lingua principal é francés ou árabe. Que os subtítulos sexan en galego e non en castelán (nalgúns sitios de Galicia) está ben, pero non o converte en "cinema galego", creo.

E agora chega "O que arde". Fíxoseme algo lenta, que non ten nada de malo de por sí, hai películas lentas que me encantan. Non pasa practicamente nada, iso xa é máis preocupante, hai que saber facelo moi ben que a película non resulte pesada, pero non foi o caso: faise algo pesada. Algunha xente di que a fotografía é flipante, e que as imaxes dos incendios tamén o son. Pois si, as paisaxes galegas son flipantes, e non digamos as dos Ancares, onde está ambientada a película, e os incendios tamén resultan moi poderosos visualmente. Pero fai falla máis ca iso para facer unha película atractiva.

E algunha xente fala da polémica e a incertidume final. Non vou desvelar de que trata, aínda que esta tampouco é unha película de intriga. Pero paréceme unha polémica totalmente artificial. Supoño que o director e guionista quixo abrir unha posible incertidume sobre quen puido ser o causante do devastador incencio, e había un protagonista principal que se prestaba moito a iso. Pero non houbo nin unha soa imaxe que puidera apoiar nin descartar esa hipótese. Dáme a impresión que foi simplemente "abrir un melón" que era moi fácil de abrir, aínda que non ofreceches nada para que se puidera pechar. E darlle un pouquiño de carnaza á xente, pero con moi pouco percorrido.

Conclusión: pareceume unha película algo máis interesante que as anteriores, síntome moito máis vinculado a ela, pero en xeral pareceume bastante frouxa. Certo é que se a seguinte película de Oliver Laxe vai estar ambientada en Galicia e con tema galego, seguramente faga o esforzo de vela. Pero como volva ás súas angueiras habituais, paso, xa me aburriu o suficiente.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2019 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal