Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Sociedade Literaria e do pastel de pel de pataca de Guernsey
Merquei este libro xa hai 3-4 anos. É unha tradución da editorial galega Rinoceronte. Foi escrito por dúas mulleres americanas, Mary Ann Shaffer (tía) e Annie Barrows (sobriña). E como me prometeran outras persoas, foi unha experiencia ben divertida.

Hai moitas cousas que contar sobre esta historia. Podemos comezar polo lugar no que sucede. Guernsey é unha das "illas do Canal". Ese nome fai referencia a varias illas pequenas que están no Canal da Mancha, que están moi cerca da costa francesa, pero que semellan ter máis vinculación con Gran Bretaña. A outra máis grande e coñecida é Jersey, e despois hai illas máis pequenas.

Pero a cousa aínda é máis complexa. O idioma que se fala alí era antes normando (está moi cerca da costa de Normandía), pero agora parece que domina o inglés, creo que pasaron a ser posesión británica nos últimos tempos, décadas ou séculos. Pero non significa que pertenza á Gran Bretaña, senón concretamente á coroa inglesa, o cal desembocou en que realmente son paraísos fiscais.

Pois a simpática e divertida historia desta noveliña trata de que durante boa parte da II Guerra Mundial, a illa estivo tomada polos alemáns. E as relacións entre os ocupantes alemáns e os ocupados "ingleses" foi bastante curiosa. Incluso semella que houbo algún matrimonio mixto, xa que algún dos ocupantes tiña bastante máis humanidade que os seus compañeiros.

Nese momento, en Gran Bretaña tampouco o estaban pasando nada ben, e mesmo Londres estaba sendo bombardeado polos alemáns con certa frecuencia. E debido a todo iso, establécese un vínculo entre unha escritora de éxito que vive en Londres e un grupo de habitantes da illa. Pero xa en 1946, cando a guerra rematou.

Resulta que un dos habitantes da illa merca un libro, e nas primeiras páxinas aparece o nome e dirección da que fora a súa propietaria. Ademais, esa muller xa non vive nese lugar, porque foi bombardeado, pero o habitante da illa non o sabe, obviamente. Así que o habitante da illa escríbelle unha emotiva carta falándolle do moito que lle gustou o libro, e que tamén lle gustou moito aos seus compañeiros do club de lectura, cuxo nome puxen no título.

Por milagre, esta carta chega á propietaria, que resulta ser unha escritora de éxito, que se fixo famosa escribindo columnas en xornais durante a guerra, que gustaron moito. Está intentando atopar inspiración para escribir un novo libro, pero non a atopa por ningures. E ao coñecer un pouquiño da curiosa historia dese club de lectura e desa illa, decide ir de visita, porque sospeita que aí está a inspiracións que lle faltaba.

Creo que non preciso contar moito máis. Podo asegurarvos que a historia e os personaxes son moi curiosos e simpáticos, e resulta unha novela do máis interesante. Se cadra o final é algo ñoño de máis, pero non o acabas tendo en conta.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2019 13:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal