Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Os soldados de Cataluña (A verdade sobre o caso Savolta)
O ano pasado regaláronme un libro de Eduardo Mendoza titulado "Os soldados de Cataluña". Eu, máis ou menos, estou ao tanto das novidades editoriais, e esta non me soaba de nada. Ademais, traía a típica banda promocional para convencerte de que debías mercala, e falaba por todas partes de "A verdade sobre o caso Savolta". Eu non entendía nada.

Ata que me puxen a ler en detalle esa banda promocional completa, e o que poñía o libro por fóra e nas solapas. E xa o entendín. Resulta que esta novela, que foi a primeira do autor, tiña o título orixinal de "Os soldados de Cataluña". Como foi publicada a mediados dos 70, leuna a Censura e dixo que era unha novela moi mediocre, pero que non veía nada en contra da súa publicación. Pero recomendou que se lle cambiara o título, porque resultaba bastante confuso con respecto ao seu posible contido (e estou totalmente de acordo). Uns anos máis tarde volveu pasar pola Censura pero xa co título cambiado ao que coñecemos despois, "A verdade sobre o caso Savolta". Non sei quen puxo ese segundo título, se o autor, a editorial ou se foi imposto pola Censura, pero resulta moito mellor e máis claro que o orixinal.

A novela está moi ben, ambientada en torno ao ano 1919 en Barcelona, na época do pistoleirismo, e xusto despois do remate da I Guerra Mundial. Ese detalle é moi importante porque a fábrica de armas Savolta, de forma non moi clara, fíxose de ouro durante os últimos anos da gran guerra, pero cando esta rematou, o negocio veuse abaixo e acabou quebrando. Arredor dela xiraban moitos personaxes máis ou menos escuros propios daquela época e lugar.

A narración é moi áxil e con moitos tipos de rexistros literarios diferentes. Parece que está considerada como a primeira da nova narrativa española despois do franquismo. Creo que se estudia como unha das obras clave para o exame de Literatura española na ABAU (nome moderno da temida Selectividade).

E tamén me enterei hai pouco de que, case na época, en 1979, se fixo unha película sobre a mesma novela. A ver se consigo vela algún día.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2019 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal