Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

"Sabotage" de Alfred Hitchcock
Para variar, nesta ocasión poño o título dunha película que vin na súa versión orixinal, porque senón podería haber unha confusión que é moi habitual. De feito, esa confusión produciuse tamén no CGAI, lugar onde a proxectaron hai pouco.

Hai dúas películas de Alfred Hitchcock, incluso cercanas no tempo (só 6 anos de diferenza) que teñen títulos orixinais similares, e que na súa disparatada tradución ao español (nos diferentes países nos que se fala), provoca confusións de todo tipo.

En 1936 dirixiu en Gran Bretaña unha película titulada "Sabotage", que en España foi traducida como "Una mujer solitaria", e en Arxentina como "Sabotaje". É esta a que vimos aquela tarde.

En 1942 dirixiu xa en Estados Unidos unha película titulada "Saboteur", que se titulou aquí "Sabotaje". Entenderedes que a confusión non era utópica. No CGAI puxeron un cartel onde aclaraban que a que íamos ver era a primeira, e non a segunda, do cal se deduce que confusión había.

A película non está mal, pero presenta algunha situación curiosa que me chamou a atención (xa pasou case mes e medio, a ver se lembro todo).

Unha muller, efectivamente, que estaba "soa", volta para o seu país, despois de estar no estranxeiro. Volve co seu irmán pequeno e rexenta un pequeno cine de barrio. Dese país volve con ela un señor maior que casa con ela, pero máis que nada para sacar a familia adiante, non semella haber amor, senón cariño e afecto nada máis.

Pero este señor debe ter un pasado turbio, porque un policía está infiltrado de incógnito na froitería que está a carón do cine, porque sospeitan que o señor quere participar nalgún atentado terrorista.

E razón non lles falta, porque efectivamente é así. Pero o señor é avispado, porque detecta que está sendo vixiado e evita a súa participación directa no atentado con bomba que estaban planeando.

Pero aquí vén o xiro que me sorprendeu (ollo, spoiler): vendo que está terriblemente vixiado, non ten o máis mínimo escrúpulo en enviar coa bomba que recibiu na súa casa ao irmán pequeno da súa "esposa", para que o leve ao lugar onde debe estourar. Faille o encargo como se fora un recado calquera, sendo consciente de que a bomba está preparada para unha hora concreta, e que xa van xustos de tempo.

O rapaz fai o posible por chegar a tempo, pero a última parte do traxecto é en bus, e o tráfico vai moi lento, porque hai un desfile real polas rúas e non é doado pasar. E a bomba estoura no bus matando ao rapaz e algunhas persoas máis. Non chegou ao seu obxectivo pero o final parece aínda máis salvaxe.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-11-2019 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal