Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tres segundos (Going Vertical)
Estes días comezou o Mundial de Baloncesto 2019 en China, e na cadea de televisión española que bota os partidos, decidiron proxectar unha película rusa sobre baloncesto que foi un bombazo nese país o ano pasado, cando se estreou.

En español titulárona "Tres segundos" ¿¿¿???, e en inglés parece que é "Going vertical". Busquei en Youtube e non atopei demasiadas referencias que non sexan en ruso, así que case prefiro pasar do título.

Conta a xesta do baloncesto ruso, que gañou contra pronóstico a final da Olimpiada de Munich en 1972 contra Estados Unidos, que obviamente estaba imbatida dende que comezaran ese tipo de competicións. Nun dos vídeos que vos poño vense as imaxes reais dos últimos tres segundos de partido, que foron especialmente polémicos.

Polo que estiven lendo nalgures, a película emocionou moito en Rusia (aínda que debería emocionar a nostálxicos do imperio soviético, máis ben) pero ten algunhas trampas dramáticas para darlle máis peso á historia.

En primeiro lugar, o adestrador elixido tiña un fillo en cadeira de rodas, e estaba xuntando cartos para operalo no estranxeiro, e algúns "do partido" lle botaban en cara por que quería levalo ao estranxeiro se a URSS tiña os "mellores médicos do mundo". Iso parece que era certo, xa non sei se o que sucede na película con respecto a isto tamén o é. O adestrador anterior, o mítico Alexander Gomelski, foi destituído porque perdera os últimos campionatos contra os estadounidenses (ou sexa, o mesmo que lle pasaba a todos os demais) e os soviéticos non podían permitir as derrotas. Así que o seu reto era moi ambicioso.

Por outra banda, ao facer a selección de xogadores, quitou a algúns que eran considerados intocables, e incluíu a outros cos que non se contaba demasiado. Ao final a selección soviética estaba formada por rusos, lituanos, georgianos, bielorrusos, ucranianos, etc. Así que os rusos actuais ao mellor non deberían sentirse tan identificados.

Comezou a adestrar utilizando métodos americanos e a xogar utilizando algúns dos seus esquemas, como os cambios continuos, que tiñan algo desconcertados aos seus xogadores, sobre todo os que se consideraban estrelas.

Outro dos puntos fortes da película xira en torno a Alexander Belov, o mellor dos seus pívots. El sabía que tiña unha doenza, que lle producía mareos e desmaios. Estando de xira por Estados Unidos (na película) tivo outra crise e estiveron a punto de perdelo. Na película, o adestrador usa os cartos que estaba aforrando para curar ao seu fillo para que o atendan en América e se salve. Algúns dos mellores xogadores acaban enterándose neses días desa fermosa acción. Polo visto, unha das polémicas da película di que Belov estaba enfermo, pero que aínda non se detectara nese momento, así que iso inventouse para darlle maior peso emotivo. O caso é que morreu en 1978, só 6 anos máis tarde, desa doenza (na realidade).

A estrela do equipo era Sergei Belov, case imparable, incluso para os americanos. Nun partido contra equipos de universitarios americanos, sufre unha leve lesión de xeonllo, e ve como o equipo contrario resolve eses problemas cunhas inxeccións que se poñen no momento (supoño que será o que se di "infiltrar"). Pídelles ese material e cédenllo sen problema (na película, claro, na realidade non o sei).

E todo o rollo é para chegar á final e ganala de forma épica. Sinto o "spoiler", pero a polémica foi nos últimos 3 segundos. Cando faltaba ese tempo, un americano puxo o 49-50 no marcador cuns tiros libres. Os rusos sacaron e fallaron, pero reclamaron, porque o adestrador pedira tempo morto para preparar a última xogada, e na mesa non lle fixeron caso. Volveron sacar e volveron a fallar, pero houbo que repetir o saque porque o reloxo non se puxera en marcha. E á terceira foi a vencida, houbo un pase que cruzou toda a cancha, chegou a Alexander Belov, e meteu a canasta.

Os americanos protestaron, pero non se aceptaron. Negáronse a coller as medallas, que siguen en Suíza, no Comité Olímpico Internacional.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2019 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal