Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho nas Terras de Trives

Na nosa xeira anual facendo sendeirismo cada verán polas terras galaicas, Viaxes O Lóstregho decidiu esta vez comezar a conquista do Macizo Central Ourensán. E digo "comezar" porque parece que estaremos un par de anos máis por esas terras, que dan para moito. Pero esta vez cubrimos a comarca coñecida polo nome de Terras de Trives.

Esa comarca está formada polos seguintes catro concellos: Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río. Fixemos base na Pobra de Trives, que semella a vila máis grande e dotada de servizos, por exemplo de hostelería, pero fixemos rutas por todos os concellos.

A continuación vou detallar as rutas e percorridos que fixemos en cada un dos cinco días que pasamos por alí:

- Día 1: Chegamos dende o norte de Galicia, instalámonos, e pola tarde fomos facer dúas pequenas rutas. A primeira delas era a única que coñecíamos e tiñamos documentada no concello de San Xoán de Río. É coñecida como a "Ruta da Fraga", falan marabillas dela, para nós está ben pero tampouco é para tanto. Carballeiras e corredoiras moi interesantes, pero un dos puntos principais, que é o mirador, xa case non permite ver nada porque a vexetación circundante creceu desaforadamente. Xa no concello da Pobra de Trives, pero moi cerca da ruta anterior, fixemos a ruta de Pena Folenche, un curioso petouto no medio dunha aldea no que fixeron un curioso mirador, cunhas vistas moi xeitosas sobre a zona, que inclúen as maiores alturas de Galicia (Cabeza de Manzaneda está alí preto, vese Pena Trevinca, e intúense Courel e Ancares). Ademais diso dase un paseo pola zona cercana no que se ven antigos sequeiros de castañas.

- Día 2: Neste día basicamente andivemos polo concello de Pobra de Trives. Tiñamos un problema. A ruta máis interesante era a Vía Nova, a vía romana XVIII de Antonino, pero cruzaba o concello de forma lineal e nós durmíamos xusto na vila que estaba no medio. Así que saímos andando do hotel cara a un dos dous extremos, o que contiña as cousas máis interesantes desa ruta, e tamén do concello, pero que non estaban nesa ruta, porque unimos varias diferentes. Así que pasamos pola medieval Ponte Cabalar, pola impresionante ponte romana de Ponte Bibei, e xa fóra da Vía Nova, pola área recreativa do Caneiro (onde xantamos) e pola aldea de Sobrado de Trives, que ten varios pazos e unha igrexa moi destacada. Ao chegar, collemos o coche e fomos ao outro extremos da Vía Nova no concello, onde se atopa a Ponte Navea.

- Día 3: Este día dedicámolo basicamente ao concello de Manzaneda. Fomos facer a ruta de sendeirismo que máis nos chamou a atención, que é a do val glaciar de Prada. Prada é unha aldea onde hai unhas cabanas (parece que aínda se utilizan algunhas, outras están xa en ruínas) onde se resgardan os pastores que levan o gando en verán, por alí andaban as vacas pacendo placidamente. O val glaciar formouse nos últimos 15 ou 20 mil anos. Despois visitamos a vila de Manzaneda, que conserva parte do trazado medieval e a impresionante Porta da Vila. Despois visitamos o tamén impresionante Castiñeiro de Pumbariños, de case 14 metros de circunferencia e máis de 1.000 anos de idade. E por último, subimos á Cabeza de Manzaneda por un dos dous accesos que ten.

- Día 4: Este día dedicámolo a Chandrexa de Queixa. Había varias rutas que nos chamaban a atención, circulares ambas, e que non parecían moi esixentes. Pero finalmente só puidemos facer a circular de Celeiros. Celeiros é a pequena aldea que é capital do concello (non me consta que ningún lugar se chame Chandrexa, pero pode ser). É moi pequeno, creo que só hai 2 bares ou restaurantes, así que facédevos unha idea, é un concello moi pouco poboado, aínda que non tan pequeno. Despois diso, demos a volta completa en coche ao encoro de Chandrexa de Queixa. E como aínda sobrou algún tempo, achegámonos a última hora da tarde a Castro Caldelas, a capital da comarca que seguramente visitaremos o vindeiro ano.

- Día 5: A segunda parte do día tiñamos que dedicala a voltar cara ao norte de Galicia, así que non podíamos facer nada moi esixente. Volvemos subir á Cabeza de Manzaneda, e fixemos algunha das pequenas rutas que hai por alí, que son algo confusas porque a sinalización non é moi rigorosa. Subimos ao Penedo do Lobo, onde parece que atoparon hai pouco restos dun antigo campamento romano, e voltamos para a estación de montaña. O nome do lugar dá lugar a confusións, porque seguramente todo o mundo cre que pertence ao concello de Manzaneda, pero non é así. Os cumios (Cabeza Pequena, onde están as antenas, a 1.778 metros de altura; e Cabeza Grande, onde está o vértice xeodésico xa case fundido, a 1.882 metros) e a estación de montaña están en terreos do concello de Pobra de Trives, pero xa case tocando ao de Manzaneda. Non descarto que na ruta que fixemos nalgún momento entráramos en Manzaneda. Como curiosidade, diremos que a volta ao norte fixémola por unha estrada vertixinosa, que une Pobra de Trives con Montefurado, no concello de Quiroga, impresionante traxecto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-09-2019 22:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal