Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Contos de Tokio
O outro día botaban na 2 unha película da que dicían que estaba considerada unha das mellores da historia do cine. Como sabedes, todas esas listas (que sacan unha nova cada mes) son do máis arbitrario e non hai que facerlles demasiado caso, pero vaia, xeralmente son películas interesantes de ver. Nesta ocasión tratábase de "Contos de Tokio", película xaponesa dirixida por Yasujiro Ozu en 1953.

Basicamente, a historia trata dunha parella de anciáns que vive no Xapón rural, e que teñen aos seus fillos traballando en Osaka (un deles) e os demais en Tokio, só a filla pequena vive con eles na vila. E deciden ir visitalos para ver que tal lles vai, porque a distancia fai que se vexan moi pouco. Pero están tan ocupados (os fillos) que apenas poden atendelos.

A min o tema paréceme interesante, e soábame bastante. Alguén me dixo que se fixera un "remake", tamén xaponés, en 2011. E seguramente foi que naquel momento escoitei falar desa estrea, e por eso a trama me resultaba coñecida. Ademais, na presentación da película na televisión, comentaron que tamén era unha versión xaponesa dunha película americana anterior, de 1937, pero non lembro nin título nin director. Xa é raro que non sexan os americanos os que copian aos demais, que é o máis habitual.

Pois si, os dous vellos tiñan cinco fillos. A máis pequena aínda vive con eles. O seguinte traballa en Osaka, parece que en algo relacionado cos ferrocarrís. E os tres maiores viven en Tokio, un deles é médico, outra é peluqueira, e o terceiro morreu na II Guerra Mundial, pero si vive a súa viúda, que é unha muller tremendamente cariñosa e amable.

Van visitalos á moi grande e ruidosa cidade, abafante de calor (están todo o tempo abanicándose, non só eles, todos os demais tamén), pero tanto o médico como a peluqueira apenas lles atenden, porque teñen moito traballo e outras prioridades.

A nora, viuda do fillo morto, si que lles presta atención e pasan algún día moi bonito coñecendo a capital, grazas a que pide o día no traballo (e llo descontan do salario, por suposto).

Como suposto agasallo, os dous fillos maiores regálanlles unha estancia no caro balneario dunha cidade costeira cercana. Pero só están alí unha noite, porque coinciden cos xóvenes invitados dunha voda, que están de xolda toda a noite, e non poden durmir. E deciden voltar para a súa vila, porque ven que ninguén pode atendelos.

Antes diso, pasan por Tokio de novo, pero xa nin sequera teñen sitio para durmir xuntos, porque os seus fillos non pensaron neles e teñen outras prioridades, de novo. A nai vai durmir coa súa amabilísima nora, e o pai vai buscar a uns coñecidos da súa vila que agora viven en Tokio (coa intención de durmir en casa dalgún deles), pero cóllense unha borracheira lembrando os vellos tempos.

Finalmente acaban volvendo para a súa terra, pero ao pouco tempo reciben un telegrama do pai avisando de que a nai está moi mal. Neste momento si, todos atopan un oco para achegarse á súa vila natal para despedirse da súa nai, que morre uns días máis tarde. Vaia, todos non, porque incluso o fillo que vive en Osaka chega tarde, e xa a súa nai morreu.

Pero iso si, ao pouco de morrer, marchan todos ás presas de novo para os seus traballos. Incluso algúns deles, como a filla peluqueira, reclaman para eles algunhas cousas, como prendas da súa nai que lle gustaban, amosando un egoísmo sen límites. E casualmente, a única persoa que queda uns días máis é a nora viuda, amosando que a pesar de ser a única que non era da familia, era a única persoa que lles tiña afecto e cariño.

A película é lenta e moi sensible, pero a historia está moi ben, non se pode negar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2019 15:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal