Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho en Bélxica (máis ben, en Flandes)

Hai uns días, unha das alineacións titulares de Viaxes O Lóstregho desprazouse a Bélxica, para ver as cousas máis interesantes daquel país, que casualmente parecen estar en Flandes, unha das súas rexións.

Se cadra habería que comezar falando diso, da división do país, que é grande e importante. A división é grande porque as diferenzas entre varias das rexións, sobre todo polo tema idiomático, é moi conflitiva, e non é doado comprender por que razón seguen xuntos.

Máis ou menos a metade norte, máis rica e dinámica, é Flandes (o Flandes do que falaban os casteláns do século XVI). Fálase flamenco, que é moi parecido ao neerlandés dos Países Baixos, e moitas cousas lembran a esa zona que visitamos hai varios anos. Pero hai unha diferenza palpable: o Flandes belga é católico mentres que o holandés é protestante. Nesta zona destacan cidades como Amberes, Gante, Lovaina, Malinas e Bruxas.

A metade sur do país, algo máis pobre, pero rica comparada con moitas outras de Europa, é Valonia. Fálase francés (nalgunhas zonas alemán, por facer fronteira). Dende o punto de vista turístico, non semella ter demasiado atractivo, pero ten cidades importantes e puxantes como Liexa e Charleroi.

E a pequena rexión que está no medio, e teoricamente as une (se non fora por ela, eu penso que hai tempo que se terían separado) é a Rexión de Bruselas, a cidade máis grande (aínda que xa é a unión de 19 concellos veciños), capital europea, sede da OTAN, que tamén é capital de Flandes, pero onde casualmente se fala moito máis en francés que en flamenco, porque só alí os dous idiomas son oficiais. Vaia cristo.

Pois ben, fixemos unha visita do máis convencional nos percorridos e paradigmas turísticos, así que nos limitamos a ver as cidades máis destacadas de Flandes e fixemos base en Bruselas.

A viaxe abrangueu sete días, pero temos que descontar dous, porque o primeiro día o pasamos viaxando (chegamos alá a media tarde), e o último día marchamos moi cedo (chegamos aquí ao mediodía). Polo tanto, a excursión quedou así:

- Día 1: Bruxas. Chulísima. Con bastantes turistas, pero en canto te saías dúas rúas do circuito normal, estabas totalmente só. Moi doado sentirse desprazado á Idade Media, todo moi armónico para conseguilo.

- Día 2: Gante. Moi ben, pero non tan ben como Bruxas. É unha cidade máis grande, ten zonas que están moi ben, pero outras que cortan máis o punto. Ademais coincidiu nas festas, e había carpas e escenarios por todas partes, pero tampouco molestou demasiado.

- Día 3: Amberes e Malinas. Cidades ou máis pequenas (Malinas) ou máis grandes pero con menos atractivo turístico (Amberes). Amberes é o segundo porto de Europa e o principal centro de comercio de diamantes do mundo, pero ten algúns currunchos interesantes como a praza maior e a da catedral, e o seu entorno, ou a peonil rúa Meir, con algunhas cousas ben curiosas. Malinas ten unha zona central con algúns edificios ben xeitosos, como a catedral, o concello, algúns palacios, ou a fábrica de cervexa Het Anker, do século XIV.

- Día 4: Había folga de trens, polo que decidimos quedar en Bruselas, e ademais asistimos a unha interesantísima ruta guiada por un colega noso, que é fantástico. Pero cando estaba rematando, púxose a chover a cántaros e case non parou en todo o día, foi un día bastante perdido. Visitamos sobre todo a zona central de Bruselas e o Museo Magritte.

- Día 5: Lovaina e Bruselas. Pola mañá fomos á cercana e pequena Lovaina. Aínda baixo algo de orballo, Lovaina depende moito da súa Universidade, a primeira católica de Europa. Ten un concello moi abraiante e algunhas cousiñas máis, como a fábrica de cervexa máis grande do mundo, AB Inbev. Despois volvimos a Bruselas, para rematar o que non puidéramos facer antes. Visitamos a zona de Laeken, onde está o Atomium, e despois volvimos á zona máis central para visitar a cidade alta, cos palacios e xardíns reais ou o barrio europeo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2019 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal