Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O exército de fume
Nos últimos tempos Manuel Gago tamén se está lanzando a escribir novelas, como esta titulada "O exército de fume". Manuel Gago é un dos mellores divulgadores da cultura galega, así que xa un certo interese tiña gañado para min.

Cando vin de que trataba a novela, non o tiven demasiado claro. Parecía que trataba de moitas cousas e de ningunha. Ambientada nun lugar e época que non tiña moi claro se me ía interesar (sobre todo a época, claro), na Galicia dos anos 40, coa Segunda Guerra Mundial aínda en xogo, e coa posibilidade de que houbera nazis por aquí. Había cousas que me atraían, pero outras que non tanto, pero pola lei que lle teño a este autor e divulgador, lanceime.

E resulta que o produto final é moi interesante, o formato de novela resulta moi cómodo, con moitos capítulos pero máis ben curtos (entre 4 e 10 páxinas, máis ou menos). E porque a selección de personaxes e ambientes é moi interesante. A ver por onde comezo.

En primeiro lugar, unha xoven mestra acepta o seu primeiro destino nunha aldea da Costa da Morte. É unha petición do seu pai, que tiña contactos como para conseguir que o seu posto fora na cidade da Coruña, onde eles vivían. Pero el, vello e influínte republicano, pídello como favor persoal, e ela accede. E pídelle tamén que lle conte todas as cousas "estrañas" que vexa por alí. Se a novela fora só iso, non sería para tanto.

Ao mesmo tempo, o pintor Urbano Lugrís está en Vigo, malvivindo como sempre, e recibe un encargo para pintar un mural da cidade no Fogar Alemán de Vigo. Non lle fai demasiada graza, pero a cifra que lle ofrecen é altísima, así que acepta. Pero por avatares do destino, descubre que un alto mando alemán está buscando á mestra anterior, que é filla dunha muller da que el estivo namorado. Ademais, dase a circunstancia de que Lugrís é o meu pintor preferido, así que a novela comeza a subir puntos.

Tamén está implicado un guerrilleiro ao que na novela lle chaman Ramallo. Parece ir bastante por libre e non se leva nada ben cun novo guerrilleiro chamado Camilo, que pertence ao Partido Comunista. Este Ramallo ten moito prestixio, atribúenlle moitas cousas que el non fixo, e incluso nalgúns momentos disfrázase de cura para ir ver os partidos do Deportivo. Todo parece indicar que este personaxe está inspirado en Foucellas, o máis mítico dos guerrilleiros galegos. Outro punto máis para a novela.

E que teñen estas tres persoas en común na novela? Pois que nunha mina de titanio que está situada nun lugar chamado Valdareas (pola descrición que fan do lugar, creo que falan de Valarés ou un sitio similar) deixaron de extraer o mineral, botaron a todo o persoal dun día para outro, e trouxeron a presos republicanos a traballar, e o control da mina colleuno o exército nazi, aínda que non é doado de descubrir, porque a Garda Civil segue controlando o acceso. Estamos a mediados de 1942, avanza a Segunda Guerra Mundial, Franco di que España é neutral, pero está claro que os nazis lle caen mellor que os aliados.

O que sucede é que os nazis levan tempo buscando na zona sur de Europa un lugar onde instalar unha posible base de submariños, porque as que teñen na costa francesa quédanlle algo lonxe. Interésalle máis na península ibérica, para pode atacar o Estreito de Xibraltar e controlar o Mediterráneo máis facilmente. E un dos homes fortes do réxime nazi, o arquitecto Albert Speer, moi intelixente e moi escurridizo, que non se deixa ver demasiado na compañía dos outros líderes, visita Valdareas e chega á conclusión de que é o sitio perfecto para instalar esa base.

Os espías ingleses descubren ese movemento de Albert Speer, aínda que non o entenden ao comezo, a mestra colabora na súa localización case sen querelo, contactan con Ramallo para intentar voar a base submariña, e vaise facendo un pequeno e efímero exército (exército de fume, suponse) con algúns cidadáns da zona que queren colaborar na acción, porque non están nada contentos coas consecuencias do que está pasando.

En definitiva, unha construción moi coral e penso que unha historia ben tramada e interesada. Ao final gustoume máis do que pensaba ao comezo, noraboa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2019 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal