Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Banda tributo a David Bowie na Mardi Gras
Un día destes entereime, non sei como, de que tocaba na Sala Mardi Gras da Coruña unha banda tributo a David Bowie. Pareceume ver que a banda era coruñesa e que se chamaba Bowie's Bar Vinyls & Tapes. Se pos ese nome en Google ou en Youtube, apenas aparece nada, simplemente un perfil ou páxina de Facebook na que non parece haber gran cousa. De todo isto, deducín que deben estar comezando, pero recoñezo que non o sei, é unha pura especulación.

Así que me acheguei á Sala, porque a obra de David Bowie me gusta moito, pero recoñezo que non as tiña todas comigo. Cheguei xusto cando estaban tocando xa a primeira canción e nada máis entrar xa nos avisaron que tivéramos coidado, porque o día anterior se estropeara o aire acondicionado, e o calor que facía dentro era moi sofocante. Efectivamente, así era, así que estiven sempre no entorno da porta, que aínda corría un pouco o aire.

Eu case nunca vira vídeos das actuacións de David Bowie, así que non tiña moi claro que formación é necesaria para interpretar o seu repertorio. Pero o que vin sobre o escenario pareceume algo raro. Había un cantante, ao que non lle vin tocar ningún outro instrumento. Había un baixista (creo que tocaba baixo, non guitarra). Había un batería e había outra persoa co teclado. E había dúas coristas, que ademais non cantaban en momentos nos que eu penso que perfectamente poderían facelo. Acabo de ver un vídeo doutra banda tributo a David Bowie, e ademais de todo isto e non ter coristas, tiñan dous guitarristas, que xa me parece algo máis normal (polo menos ter un). En definitiva, a formación non me convencía.

O son tampouco me convenceu. Aparte de que nalgúns momentos puntuais se escoitaron algúns acoples feos (pero iso pasa nas mellores familias), a mestura de son non soaba demasiado limpa. Por exemplo, costoume moitísimo recoñecer "China girl", porque o piano non se escoitaba, só se escoitou uns segundos ao final, cando o resto de instrumentos baixaron a súa presenza. O que digo, as coristas cantaban en determinados momentos, non se lles escoitaba demasiado, pero é que había momentos en que todos lembrábamos que aí entraban os coros, e elas non o facían. A voz do cantante convenceume máis ao final que ao principio, pero iso é lóxico, a voz vai quecendo segundo avanza o concerto. Penso que a súa voz non se asemella demasiado á de Bowie, pero xa digo, cara ao final, daba o pego bastante ben.

Pero insisto, dáme a impresión de que están comezando, e creo que teñen bastante que mellorar aínda. Outro indicio de que o son non debía estar demasiado ben é que, en varios momentos, o cantante e o baixista comentaron algo ou presentaron algún tema, e na parte de atrás non entendíamos practicamente nada do que dicían. Non estaban cantando, estaban falando, e nesa sala teño comprobado moitas veces que si se entende perfectamente e que o son é bo.

Déixovos un vídeo doutra banda tributo diferente (sospeito que americana) que si soa como a banda de Bowie. E nada menos que lembran o "Under pressure" con Freddie Mercury, no que un dos guitarristas o imita coa voz, de forma bastante digna. Isto xa é outra cousa.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2019 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal