Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O misterio dos mil soles
Seguindo coa política xeral de evasión veraniega, estes días lin outra novela de fácil dixestión e baixo nivel de esixencia intelectual, aínda que o autor se cadra pretendía o contrario, polo que puiden deducir. A novela en cuestión foi "O misterio dos mil soles", escrita polo aragonés Fernando Baztán.

O follón é bastante considerable e xira arredor da primeira expedición de Colón a América e sobre un libro moi controvertido que leva uns estraños símbolos que poderían agochar unha importantísima mensaxe para o mundo, que semella que moitas persoas están intentando conseguir por todos os medios.

Por esa razón, un fraile que está perdendo a fe, e que está a piques de morrer en Francia nunha secretísima misión, consegue escapar e por unha estraña carambola, acaba en Palos de la Frontera en 1492. É o personaxe principal da novela, e chámase Fray Genaro de la Cruz.

O que fora supostamente o seu superior, fray Macario de Osma, é sacado do seu mosteiro de Veruela, onde tiña un cargo importante, e fanlle un encargo bastante estraño. Ten que ir ao mosteiro de San Xoán da Peña, cerca de Jaca, coller o único exemplar que alí queda dun importante libro que é un manual para realizar torturas, que utiliza moito a Inquisición española, e levalo a Palos de la Frontera tamén. Que casualidade!! Ademais, hai exemplares dese libro en case todos os mosteiros, pero a el estráñalle moito que lle manden xusto levar o que está en Jaca.

Por se non chegara con iso, un pintor murciano vai a Perugia para aprender unhas novidosas técnicas artísticas, pero cando está alí, o prestixioso pintor do que ía aprendelas, e parte dos seus compañeiros, son asasinados. El non entende por que, pero nalgunhas conversas que ten alí, comprende que hai un asunto moi misterioso detrás de todo iso. De feito, el tamén está a piques de morrer e, escapando de todo iso, onde remata? Pois mira ti, en Palos de la Frontera.

Como estamos nesa época, finais do século XV, cousas que pasan na península ibérica e na itálica, pois temos a ese feixe de históricos personaxes, como Fernando de Aragón, Isabel de Castela, Torquemada, Colón e os que o acompañaron na primeira expedición a América, e algúns outros máis. Estase expulsando aos árabes da península ibérica, estase pensando en botar tamén aos xudeus e facer caixa coas súas posesións.

Supostamente a trama xira en torno a unha críptica e estraña mensaxe que apareceu na tumba dun papa e que tamén aparece nalgúns libros, que non se sabe o que significa, pero intúese que é moi importante. Pois esta xentiña enrólase na expedición a América, e despois de estar en varias illas caribeñas, o pequeno grupo de protagonistas, ten serios problemas con algúns dos expedicionarios, que eran moi pendencieros, e acaban no Yucatán, buscando un lugar que lles indica esa críptica mensaxe.

Cando chegan alá, coñecen Chichén Itzá e algunha outra das míticas cidades maias, e viven máxicos rituais da man dalgúns dos seus chamáns. Incluso se atopan alí con Giovanni Pico della Mirandola, un importante teólogo que propuxo unhas teses que poderían ser consideradas o principio do ateísmo. E el di que realmente Deus non existe, senón que é unha construción da mente humana, e que todas as civilizacións da historia tiveron sempre inquedanzas parecidas no aspecto relixioso e teolóxico, pero con diferenzas que deixan claro que non existe ningún Deus canónico. Obviamente, iso non gusta nada, especialmente nas xerarquías eclesiásticas católicas, por exemplo a personaxes como Torquemada.

Deume a impresión que a novela era unha mestura de moitas cousas imposibles e bastante pretenciosas. Seguramente a intención era boa, pero ao final coido que a historia se desinfla bastante. De feito, en ningún momento está demasiado claro que está pasando, cal é o motor da novela, e cando se retoma o tema, semella estar case sempre estancado.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2019 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal