Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A conspiración
Como xa debín dicir aquí unhas cantas veces, Estados Unidos é un país que detesto, e a súa historia interésame bastante pouco. Por outra banda, tampouco me gusta nada o Dereito, e todo (ou case) o que ten que ver con esa disciplina me produce alerxia.

Entón, por que podería interesarme unha película que basicamente trata do xuízo que se fixo ás persoas que estiveron implicadas no asasinato de Lincoln (as que aínda quedaban vivas e foran apresadas)?

Primeiro, non me gusta nada o Dereito, pero está claro que as películas ou novelas (se é que hai algunha, que supoño que si) sobre xuízos xa resultan algo máis amenas e menos áridas que o mesmo Dereito. E creo que non son a única persoa á que lle pasa.

E con respecto a Lincoln e o seu asasinato, pois hai moita chicha moi interesante. En primeiro lugar, Lincoln parece que era un tipo moi interesante, un grande orador, non sei se tan bo político, e que fixo unha fortísima aposta anti-esclavista que provocou unha guerra civil nun país que se di moi unido, pero que aínda segue tendo uns niveis de racismo e desigualdade moi grandes, e non moi diferentes dos que se daban daquela, pero que só pasaron 150 anos (para Estados Unidos é moitísimo, porque o país non cumprira aínda 100 anos, pero para outras zonas do mundo é unha época curta).

Eu sabía que Lincoln fora asasinado nun teatro por un actor, pero pouco máis sabía do tema, así que enterarme, grazas a unha película, de toda a conspiración que había detrás, gustoume. Tamén é certo que é normal que para eles este tema sexa importantísimo, para min non. Gustoume coñecelo pero seguramente o esquecerei axiña ante a chegada de historias máis interesantes para min.

Nesta película, titulada en España "A conspiración" (o título orixinal fala "dos conspiradores"), e dirixida en 2011 por Robert Redford, faise ver que o xuízo militar estivo moi falto de garantías procesais, e que o poder foi asumido por Edward Stanton, Ministro da Guerra, quen fixo e desfixo o que lle deu a gana.

O xoven avogado Frederick Aiken, que fora soldado do norte na guerra que estaba a piques de rematar, intenta demostrar isto e vaise atopando de fronte con toda a maquinaria do Estado, a quen a xustiza non é que lle interese demasiado. Está protagonizado por un actor chamado James McAvoy, a quen eu non coñecía de nada ata agora.

Por certo, non tiña nin idea de que, ademais de asasinar a Lincoln (que é o que sabemos todos), tamén intentaron matar ao vicepresidente e ao Secretario de Estado, pero non o conseguiron. Era un intento de revitalizar unha guerra que o Sur tiña practicamente perdida, e de feito, rematou pouco despois. Así que a morte de Lincoln non serviu para nada, pero inaugurou as mortes de presidentes americanos, que parece un deporte nacional.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2019 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal