Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A viaxe ao poder da mente
Lin estes días o último libro de Eduardo Punset que me faltaba por ler da miña biblioteca. Titúlase "A viaxe ao poder da mente" e foi publicado no 2010.

Hai uns 8-10 anos, ou se cadra algo máis, eu era un grande seguidor de Eduardo Punset. Estaban nos últimos anos de emisión do seu programa de televisión "Redes", do que eu oíra falar, e algunhas veces que conseguín velo, me fascinou. Despois comecei a ver os capítulos na súa páxina web, para liberarme dos seus horarios de emisión.

Era un comunicador moi singular, non o mellor que vin, nin moito menos, pero gustábame moito o enfoque que lle daba ao seu programa e os convidados tan interesantes que levaba, tanto españois como, sobre todo, estranxeiros. Supoño que o programa debeu cancelarse porque debía ser bastante caro. Pero tristemente o programa non debía ter demasiada audiencia (aínda que todo o mundo dicía que o veía con regularidade, que raro), e aínda había bastante xente que se burlaba del e da súa peculiar forma de falar, deixando así clara a súa ignorancia.

Pois daquela tamén mercaba os seus libros, e incluso algúns de prestixiosos científicos que saían no seu programa. Varios destes linos nos últimos anos, e resultáronme bastante áridos e aburridos. Os del resultaron bastante máis amenos, e este era o último que me quedaba, ficara no andel case esquecido.

Pero en xeral creo que xa estou un pouco canso do estilo de escritura de Eduardo Punset. Xa non me convence demasiado. É demasiado grandilocuente, e vende moito fume, para despois chegar a conclusións que, ou son moi controvertidas e dubidosas, ou son bastante menos impactantes do que el anunciara.

Comeza moitos parágrafos con frases como "o descubrimento científico máis grande dos últimos mil anos é...." e cando o acaba desvelando, non te convence demasiado. E cando ves que di algo como iso cada 2-3 páxinas, acaba perdendo todo o seu efecto.

E non digamos xa coa súa teima de que todo o que aprendemos os humanos, na escola ou fóra, é totalmente inútil (suponse que el ten os paradigmas perfectos do que si debemos aprender), e que é máis importante "desaprender". A estas alturas, xa estou un pouco canso de tantos gurús que coñecen perfectamente todos os erros que cometen os demais, que ademais son moitos, pero que non está tan claro cales son as súas solucións máxicas para resolver os problemas da sociedade, que polo visto din coñecer, pero non saben aplicar nin se ven mostras diso.

Así que nada, estivo ben mentres durou, seguramente volverei ver vídeos do seu programa, que resultaba moi interesante, pero sospeito que xa non mercarei ningún libro máis del. Está claro que o feito de que morrera hai un mes será determinante, pero creo que últimamente publicaba bastante menos. Teño a sensación de que o interesante do seu programa eran máis os convidados e os temas que el mesmo, que intentaba ter moito protagonismo, máis do necesario nun comunicador.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-07-2019 00:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal