Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Demo en Florencia
Nestes días de asueto incluso me deu tempo a tragarme unha lixeira noveliña de pouco máis de 300 páxinas. Tiña varias desas características, pero despois de ler as súas sinopses, pensei que esta ía ser a máis levadeira.

Titúlase "O Demo en Florencia" e foi escrita polo rioxano Óscar Soto Colás. Foi gañadora do Premio do Círculo de Lectores (no que o xurado está formado por socios dese club) e no seguinte vídeo podedes ver unha entrevista co autor.

A trama ten unha certa similitude con "O nome da rosa" de Umberto Eco. Un franciscano chamado Salvatore Montevecchi, que vive nunha apartada abadía dos Alpes Italianos e se dedica a copiar libros, recibe a visitas duns guardias da cidade de Florencia, que veñen buscalo para que axude a resolver unha serie de horrendos crimes que están tendo lugar nesa cidade.

Para el non é un lugar alleo, xa que naceu alí, e marchou dalí hai 20 anos. Ata aquel momento fora un destacado inquisidor, pero que tiña fama de resolver moitos casos utilizando a razón, non os escuros argumentos da época. E cando marchou, acababan de resolver, aínda que non o tiñan moi claro, un caso tan macabro como o actual, e con algunhas similitudes moi sospeitosas.

A serie de crimes consiste en que, aproximadamente cada dous meses, desaparece na cidade ou entorno cercano, unha rapaza adolescente, normalmente de familias humildes, que aparece xustamente aos 28 días, cun tallo na gorxa e sen unha gota de sangue no seu corpo. E ademais, aparece o corpo en lugares da cidade aos que non se atopan explicacións de como chegou sen ser visto.

O franciscano, ademais de a esta serie de crimes e outras circunstancias persoais, enfróntase a un xesuíta español, chamado Alejandro Núñez, que é un inquisidor no sentido máis clásico, que está sempre dicindo que o autor deses crimes é o Demo, sen ter o máis mínimo interese en investigar de forma máis racional. Pero este personaxe tamén ten un peso moi político, pois realmente representa á coroa española, que dominaba aquelas terras, cousas que non facía ningunha graza ao Duque Cosme de Médici.

Pois iso, como vedes, é un monxe medieval e racional intentando resolver uns crimes enfrontándose á escuridade desa época.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-06-2019 00:46
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal