Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Antonio Fraguas
Neste ano 2019, o homenaxeado co Día das Letras Galegas foi Antonio Fraguas. Por avatares xornalísticos do destino, o mes de maio pasado, xuntei dous suplementos (un de Sermos Galiza e outro da Voz de Galicia) e un libriño (da Voz de Galicia) que glosaban a figura deste historiador, etnógrafo, folklorista e antropólogo galego.

E xusto nesta fin de semana longa de finais de xuño, ampliada polo festivo luns 24 de xuño na Coruña, e na que acaba de saberse que o vindeiro ano o homenaxeado será Ricardo Carballo Calero, tiven algo de tempo para ler as case 200 páxinas que acumulei sobre Antonio Fraguas. Así que me puxen co tema.

Obviamente, os textos e as fotos acabaron sendo coñecidos para min, porque se repetían en certa medida. Pero basicamente conseguín o que quería, que era enterarme ben de quen fora ese señor e o que fixera, porque destacou en ámbito totalmente alleos para min e que non me resultan especialmente atractivos (e sospeito que non son o único). E resultou ben interesante.

Naceu nunha aldea de Cotobade, a finais de 1905. O seu pai era canteiro e acababa de marchar para Brasil, así que non puido casar coa súa muller e recoñecer ao fillo ata que voltou, e Antonio xa tiña daquela 7 anos.

A idea do pai era marchar de novo a Brasil e, nesta segunda ocasión, levar a toda a familia para alá. Incluso estaba formando ao fillo como maquinista de tren, para que puidese dedicarse a iso en América. Faltoulle pouco, pero finalmente non sucedeu iso, porque o segundo profesor que tivo na escola (o primeiro era un zoquete) dixo que lle veía cualidades, e que podería facer carreira. A nai apoiou a moción, e finalmente o pai marchou só de novo. Morreu uns anos máis tarde, cando xa estaba de novo en Galicia, e Antonio tiña uns 25 anos.

Antonio estudou no Instituto de Pontevedra con moito aproveitamento. Foi alumno de Castelao, e quedou marcado principalmente por Losada Diéguez, que seguramente tamén lle transmitiu moita da súa relixiosidade, xa que Antonio tamén foi moi devoto (é posible que salvara a vida despois por esa razón).

Estudou na Universidade de Santiago, tamén con moi boas notas, e incluso comezou a ser profesor auxiliar axiña, pero non debía ter moito salario. Presentouse ás oposicións para profesor de instituto, e conseguiu praza para o Instituto de A Estrada, onde estivo de 1933 a 1936.

Nestes tempos da República formou parte de Seminario de Estudos Galegos, das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista, coñeceu e tratou ás principais figuras do galeguismos naqueles días, que eran moitas.

Chegou o golpe de estado do 36, e os falanxistas da Estrada quixéronlle facer pagar o feito de ser un alto cargo do Partido Galeguista na vila. Polo que din, salvou a vida porque era boa xente e ía sempre a misa, porque algúns querían matalo. Pero obviamente, quitáronlle a praza de profesor. Marchou entón para Compostela, e montou unha academia de pasantías xunto cun crego.

Non lle deixaron volver á docencia (despois de aprobar unha nova oposición, claro) ata o ano 50. Ao conseguilo, estivo dando clases no Instituto Masculino de Lugo ata o ano 59. E do ano 59 ata o 75, cando se xubilou, estivo no Instituto Feminino de Compostela, agora chamado Rosalía de Castro. Polo visto, deixou moi boa pegada no alumnado deses dous centros, era moi boa xente, moi bo docente, innovador e sacaba ao alumnado da clase para facer visitas culturais.

Dende a súa xubilación ata a súa morte no ano 1999, dedicouse a divulgar e musealizar, especialmente no Museo do Pobo Galego, que foi un dos proxectos da súa vida.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 23-06-2019 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal