Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Galego de lei

Outra colección de literatura galega que teño completa son os 50 volumes que sacou Biblos nos seus primeiros anos como Clube de Lectores (xa hai varios anos que deixaron de editar eses libros tan chulos). Estou a piques de rematala, xa vou polo número 45, que é do que vou falar agora, sobre un tema ben curioso, o que pon en valor aquela colección. Deste tema seguramente non tería oído falar nunca, ou raramente, se non fora deste xeito.

O libro titúlase "Galego de lei", e o autor é Francisco Maseda. E recoñezo que cando o recibín, xa hai anos, non tiña nin idea do tema que podía tratar. Pero cando abrín e lin un pouquiño, xa me entrou o interese. Falaba de Don Diego Sarmiento de Acuña, o I Conde de Gondomar, que fora un politico e diplomático cunha carreira ben curiosa.

En primeiro lugar, dicir que naceu sobre 1567, máis ou menos, e morreu en torno a 1626, ou sexa, viviu uns 60 anos cando se estaba vindo abaixo o famoso Imperio Español no que non se poñía o sol. Viu os últimos anos do reinado de Felipe II, os de Felipe III (con quen máis lle tocou traballar) e algo do de Felipe IV, ou sexa, os Felipes da dinastía dos Austrias.

Estivo bastante vinculado ao Val Miñor, os seus primeiros anos foron na zona de Baiona, Tui, Gondomar (de aí que lle fixeran Conde dese lugar), aínda que parece que hai pouco demostrouse que naceu en Astorga, pero debeu ser algo circunstancial. Viña por alí de cando en vez, e estaba moi orgulloso de ser galego, pero penso que tivo pouco tempo de disfrutalo na idade adulta.

Parece que foi un político e diplomático bastante destacado, aínda que resulta difícil saber a obxectividade na que se moven este tipo de obras, e sobre todo naquela época, na que a política era aínda máis turbia do que é agora.

Os seus primeiros cargos foran como "correxidor". Este cargo, que xa non existe, era un lazo entre os poderes territoriais e a monarquía, e podían abranguer tanto temas de xustiza como de política e xestión dun territorio.

Primeiro foi Correxidor en Toro, na provincia de Zamora. A el non lle facía moita ilusión ese cargo nin ese lugar, pero tocoulle, e semella que os habitantes quedaron moi contentos con el, cousa que non sucedera, en absoluto, cos seus antecesores.

Despois, un pouco porque el moveu fichas para que así fora, e un pouco porque na Corte alguén se fixara na súa boa xestión en Toro, nomeárono Correxidor de Valladolid, que era unha das cidades máis importantes do reino, e parece que a el tamén lle gustaba moito, porque unha das súas residencias principais estaba alí, na "Casa del Sol", onde tiña unha magnífica biblioteca, pois era un gran bibliófilo. E tamén fixo unha moi boa xestión.

Algún tempo despois tamén estivo de Correxidor en Madrid, aínda que durante un breve prazo. Hai que ter en conta que neses anos, a comezos do século XVII, a capitalidade de España (ou sería Castela nada máis?) estivo entre estas dúas cidades, por razóns que serían máis que discutibles. Pero el andaba sempre no allo.

Algún tempo despois o propuxeron como Gobernador das Filipinas, pero rexeitouno. E finalmente lle chegou o cargo, tamén inesperado e para o que non se creía preparado, e que tampouco lle interesaba demasiado, polo que foi famoso: embaixador de España en Inglaterra.

Estivo varias veces de Embaixador, nun período de cerca de 10 anos, entre 1613 e 1622. E a época foi ben complicada. Era o reinado en Inglaterra de Xacobe I, o sucesor de Isabel I. Aínda seguían as guerras de relixión, e a situación relixiosa nas illas cos católicos era moi retorcida. Unha das obsesións dos españois e do Conde era concertar un matrimonio entre a familia real inglesa e a española, para estreitar lazos, que a paz entre os dous países durara máis, e para intentar que España (o bastión católico de Europa naquel momento) conseguira que o catolicismo volvera a Inglaterra (o principal bastión protestante, cos anglicanos).

Como pasa en todas partes, hai opinións variadas sobre el. En España dise que foi un dos mellores embaixadores da historia, e en Inglaterra chámanlle o "Maquiavelo" español. E como non se me pode chamar precisamente españolista, pero os ingleses tampouco me convencen demasiado, e moito menos naquela época, e moito menos falando da controversia relixiosa que tanto os preocupaba, a miña opinión é "calquera sabe".

Pero vaia, para min o máis importante é que me enterei da relevancia histórica que tivo o I Conde de Gondomar (seguro que os seguintes foron uns vividores).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-05-2019 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal