Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Rei morre
Comezarei coa descrición fría. A magnífica compañía de teatro galego Sarabela, cuns 30 anos de traxectoria ás costas, trouxo unha nova obra ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Era "O Rei morre", baseada na obra de Eugene Ionesco, así que podemos adscribila ao teatro do absurdo. Ata aí ben.

Tamén está ben que foi interpretada pola maioría do elenco habitual da compañía, como Fernando Dacosta, Fina Calleja, Nate Borrajo e Sabela Gago, aos que esta vez se engadiu Alfonso Míguez, que non me soa de ningunha obra anterior, pero podo estar equivocado. Só botei en falta a outra histórica, Elena Seijo, pero no medio da obra comentaron que estaba gravando unha serie en Madrid, ou algo así (ollo, iso comentouno algún dos actores no medio da obra, xa é unha pista).

Pero un cambio esencial, foi que a obra non foi dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda, a fundadora do grupo (era a profesora de teatro destes daquela rapaces, xa hai tempo), senón por Ana Vallés, un mito histórico do teatro contemporáneo, tamén en Galicia, onde fundou e dirixiu a compañía Matarile (creo que agora xa disolta, ou polo menos hai moito tempo que non oio falar deles).

E todas estas cousas xuntas son un polvorín. Se a obra xa é de por si caótica, como corresponde ao teatro do absurdo (recoñezo que non a lin, así que non sei exactamente cal podería ser a versión canónica, pero Sarabela non respecta moito esas cousas). Se parece que a compañía aínda lle meteu máis metralla, por exemplo simulando que algunhas escenas son ensaios da propia obra que están preparando (aí nos enteramos por que razón Elena non está actuando). E se a iso lle unimos algunhas escenas "raras" que me lembraron moito a Matarile e ao teatro contemporáneo, xa podedes imaxinar o resultado de todo isto.

A obra non é moi longa, sobre 1 hora, e case se agradece. Non me chamou demasiado a atención. Pero houbo xente do público que aínda lle chamou menos, e que marchou antes, ou que facía comentarios pouco favorables á saída. Creo que foron os aplausos máis suaves que escoitei ao final dunha obra de teatro en moito tempo.

Teñamos en conta que a programaron no Ciclo Principal do Teatro Rosalía, e moita xente que está abonada a ese ciclo é de idade máis ben avanzada e semella ir buscando teatro moi convencional, con historias máis ou menos comprensibles. E esta non o era. Eu xa lle teño visto a Sarabela desbarres coma estes, pero moita outra xente xa os evita, cando o sabe con antelación. Obviamente, cando fixeron "Ensaio sobre a cegueira", hai 2-3 anos, tiveron moito máis éxito, claro. Era previsible.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-05-2019 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal