Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Anagnórise
No ano 2018 dedicóuselle o Día das Letras Galegas á escritora María Victoria Moreno, nacida fóra de Galiza, pero que chegou aquí para traballar de profesora de Lengua cuns 25 anos de idade, e decidiu pasarse ao galego, e dedicar a súa vida a escribir e ensinar esta lingua.

Ten unhas cantas obras destacadas, e de feito, a súa preferida é outra, pero foi coñecida entre a mocidade galega durante uns anos porque o seu libro "Anagnórise" foi escollido en moitos centros como libro de lectura en galego, e moitos adolescentes disfrutaron moito con esta obra.

A min colleume xa algo maior. O libro saíu publicado en 1988, cando eu estaba rematando o ensino medio, e oín falar da novela algún tempo despois. Pero teño que recoñecer que a cousa me cheiraba algo rara: unha autora totalmente descoñecida para min, que ademais non era galega (eu pensaba que fora unha tradución dunha novela en castelán), e ademais, o título non atraía demasiado. Moi ben tiña que estar o libro para que tanta xente falara marabillas del. Pero quedou esa débeda pendente, durante décadas, ata esta semana.

Da autora non vou falar demasiado, porque xa o farei máis en detalle noutro artigo posterior (ou sexa, que neste blog aparecerá máis arriba, ao mellor xa o lestes). Do título direi que ANAGNÓRISE significa algo así como que "nunha obra literaria de calquera tipo, un personaxe recoñeza a outro, de forma algo sorpresiva, principalmente ao final da mesma, provocando o desenlace da historia". Ou sexa, ese fenómeno tan interesante que se produce ao final dalgunhas obras teatrais, novelas ou películas, que nas últimas escenas descubrimos algo dun personaxe que se nos ocultou durante o desenrolo da mesma, a nós e aos outros personaxes, e que seguramente explica algo ou moito do que sucedeu. Recoñezo que non sabía que había unha palabra que definía esa curiosa situación. Obviamente, cando me enterei, xa me entrou máis interese por ler a novela.

Tamén habería que comentar outra cousa: cando e como decidín ler esa novela? por que neste momento concretamente?

Os que leades este blog de cando en vez, saberedes que teño completa (como outras persoas) a Colección 120 de Literatura Galega, que a Voz de Galicia publicou no ano 2002, cando se cumprían 120 anos da súa fundación. Estou lendo as obras pola súa orde de numeración nesta colección (mirade se son metódico), pero levaba mogollón de anos parado no número 62. E vin que esta obra estaba no número 74, e que lle dedicaban o Día das Letras Galegas de 2018. E eu, que reacciono a impulsos coma ese, supoño que hai uns dous anos, dixen "veña, a ver se chego a ler Anagnórise para o ano desa celebración". E non cheguei, acumulei exactamente 1 ano de atraso, porque lin a novela (breve) na tarde do 17 de maio de 2019, cando estabamos celebrando o Día das Letras Galegas de Antonio Fraguas. Pero cheguei, por fin, que xa costou bastante.

Deixando claro que non vou facer "spoiler" do final, que dá incluso título á novela, a súa trama é ben simple. Un rapaz de 17 anos con problemas variados na casa, fuxe dela, e intenta chegar a Madrid, onde lle esperan algúns dos seus colegas. Como non ten medios para chegar alá, fai autostop á saída da súa vila (semella Pontevedra ou o Salnés) para ver se o colle algún coche. E efectivamente, cólleo un, e que vai para Madrid precisamente, pero vai conducido por unha muller, circunstancia que a el non lle agrada demasiado, porque non ten moi bo concepto delas en xeral, e moito menos como conductoras. Pero esa muller resulta conducir moito mellor do que el esperaba e dalle unha conversa bastante máis amena e interesante do que el esperaba. Ao final chegan a Madrid e sepáranse, pero xa non volven a verse. Pero aínda así, por unha serie de casualidades, acaba sabendo quen era e entende toda a historia.

Moi recomendable, lectura moi amena, áxil, levadeira e cómoda.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-05-2019 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal