Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Atraco perfecto (The Killing)
Un dos meus directores de cine favoritos é Stanley Kubrick. Non é que me apaixoe todo o que fixo, nin moito menos, pero ten 5-6 películas absolutamente fantásticas, sobre todo algunhas, e rodou en total unhas 12, así que a proporción de obras maestras supera a case todos, supoño.

Unha das súas primeiras películas, que xa vira algunha vez, e que botaban estes días no CGAI, era "Atraco perfecto", titulada orixinalmente "The Killing". Xa o título chama algo a atención, porque si, trata dun atraco bastante ben planeado (pero tanto como perfecto, non), pero non trata de ningunha matanza. Ao final hai unha, pero é bastante imprevisible.

O atraco consiste en levarse a recadación dun hipódromo un día de moitas apostas nas carreiras. Estiman que poderán gañar uns 2 millóns de dólares. Hai unha persoa que idea o golpe, protagonizado por Sterling Hayden, que planea o atraco con parte do equipo. Pero non con todos ao mesmo tempo, hai varias persoas máis que teñen un papel importante, pero que son contratadas por separado, para que cumpran o requerido.

Pero a min paréceme que o plan facía augas por moitos sitios. De feito, ao final sae bastante mal, e tampouco sorprende demasiado.

Por exemplo, un dos contratados é un francotirador que mata un cabalo que está no medio dunha carreira. Creo que non o explican ben, porque eu nunca entendín que podía axudar iso no plan. No hipódromo ármase algo de barullo con iso, pero nada máis. Ademais mátao dende un coche descapotable e un aparcamento que estaba pechado. Tivo que sobornar ao garda para que lle deixara pasar, así que xa se veía que a cousa ía acabar mal.

Por outra banda, un dos cómplices era un miñaxoia, cunha muller que era moi lagarta e que tiña un amante. E o miñaxoia, para presumir, déixalle caer que vai ser moi rico, e a muller consegue enterarse do plan completo. Por esa banda tamén se ve que era toda unha chapuza.

Xa sei que é algo de spoiler, pero morren case todos e o xefe da banda, que é o único que se salva, escapa cos cartos, pero a súa maleta voa polos aires no aeroporto debido a un desafortunado incidente cun can.

Que desastre de atraco perfecto!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-04-2019 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal