Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Entroido en Compostela

E xa non sei cantos van, deben ir 6 ou 7, e os que faltan... Un ano máis, fun pasar o Entroido a Compostela, porque odio esta "festa", porque na miña cidade non podo case saír á rúa sen ser recoñecido, pero a 70 km case non me coñece ninguén (aínda que sempre atopo a alguén polas rúas), e porque alí teño uns cantos amigos aos que apenas vexo, e é un bo momento para velos.

O primeiro día deste ano foi bastante fóra do convencional. Subín o sábado pola mañán a ver exposicións á Cidade da Cultura. Nunca subira ata agora nestas estancias (estivera un par de veces alí, pero fora por outras razóns) porque ese lugar me parece un fraude, pero había algunha cousa que estaba alí e que podía merecer a pena, e aproveitei para ver algunha cousa máis que andaba por alí.

A razón principal era ver a exposición "Castelao maxistral", na que se atopaba o cadro "A derradeira leición do mestre", que homenaxea a Alexandre Bóveda. Faltaban só dous días para clausurar a exposición, que era moi pequeniña.
Na planta de abaixo estaba "Valor e mestría. Galicia como fútbol" que fala sobre a historia do fútbol galego. Tema bastante máis irrelevante, pero con cousiñas de aquí e cousiñas de alá, acaba facéndose agradable, e leva varias horas vela, pero aínda vai estar uns cantos meses máis.

Despois de xantar fun ao Panteón de Galegos Ilustres porque había unha exposición sobre a "Alba de Gloria" de Castelao, da que tamén falaban moi ben, e que tamén se clausuraba un par de días despois. Interesante nalgúns aspectos e noutros menos (unha sección con gafas de realidade virtual que non era para tanto). E rematamos o sábado facendo a típica visita ao CGAC, xa que está ao lado, pero xa hai anos que non vemos por alí nada interesante, que mágoa!!!

O resto dos días pois xa se sabe, paseo, lectura e moita auga, como sempre por alí. Nesta ocasión lin a novela "Laín, el bastardo" de Francisco Narla. Era bastante longa e non me deu tempo a máis. Tamén levaba "O exército de fume" de Manuel Gago, e "El misterio de los mil soles" de Fernando Baztán, pero non fixen máis que pasealos dun sitio para outro.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal