Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Perdición
Creo que foi nun ciclo que están botando no CGAI nestes últimos tempos, que se titula "Tan poderoso como o amor", igual que o último libro do poeta César Antonio Molina, que foi presentado alí. Pois con esa escusa, están botando moitas películas nas que o amor (supostamente) ten moito peso, e unha delas foi "Perdición".

Eu creo que "Perdición" xa a vira hai moitos anos, pero obviamente, esquecera por completo a trama (mellor, para poder disfrutala de novo coa sorpresa). Foi dirixida por Billy Wilder en 1944 e protagonizada nos principais papeis por Fred MacMurray, Bárbara Stanwyck e Edward G. Robinson. Actores fantásticos pero xa un tanto esquecidos, por desgraza. E outra curiosidade máis é que o título orixinal era "Double Indemnity" (Dobre Indemnización), que ten moito máis sentido, dende logo moito máis que a tradución española, como case sempre.

A historia está moi ben, e non teño eu moi claro que o amor teña tanto peso, a non ser que nos refiramos ao "amor polos cartos", que está moi estendido nestes tempos.

Un axente de seguros vai á casa dun bo cliente para renovar as pólizas dos seus coches, que van caducar. O home non está, porque traballa moito, pero atópase coa muller. Ela pregunta se existen as pólizas por accidentes no traballo, porque ela está moi preocupada, xa que o marido está sempre traballando e implícase moito no traballo físico, a pesar de ser o rico capitalista.

O axente de seguros interpreta estas preguntas da muller como que quere desfacerse do seu marido e ademais levarse os cartos da póliza, porque a muller insiste en tramitar todo isto sen que o marido o saiba, xa que se negaría en redondo a asinala, porque non cre que lle vaia pasar nunca nada. E ademais, a muller gústalle moito, e cre que está flirteando con el.

O caso é que a suposición do axente é certa, namóranse e planean todo xuntos para desfacerse do marido nunhas determinadas circunstancias, despois de facerlle asinar a póliza sen que se decate. As determinadas circunstancias son que o accidente ten que ser no tren, porque así cobrará "dobre indemnización", por unha estraña política da súa compañía de seguros.

O seu retorcido plan lévase a cabo sen maiores contratempos, agás algún pequeno detalle como algunha medio-testemuña que está a piques de estragalo todo. Pero cando chega o momento de cobrar, chega o axente de seguros máis sagaz, que se encarga de investigar os casos estraños e que, obviamente, máis caros poden saírlle á aseguradora, e ponse a fisgonear, porque hai algúns detalles que non lle convencen.

Non vou contar o final, aínda que a película ten xa 75 anos, pero como vedes, a trama é moi retorcida, e cada minuto pasan moitas cousas que non che dan un respiro.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-03-2019 23:18
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal