Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Crebinsky
O outro día fun ao CGAI para ver a película "Crebinsky", dentro dun ciclo organizado por Antón Reixa. Nesta ocasión, a película fora proposta por Susana Seivane, e dixo que a elixiu porque é unha película moi pouco convencional no cine desta zona (e en xeral, do planeta, diría eu).

A película é do 2009, e polo visto, está baseada nunha curtametraxe do ano 2002 (creo que acabo de atopala en Youtube). E a verdade é que o pasei moi ben véndoa, non ten desperdicio.

Non é doado explicar de que trata, porque efectivamente, é unha película algo rara pero con moito encanto. Para empezar, transcorre en Galicia (suponse) e vense unhas paisaxes alucinantes, tanto de costa como de interior. Eu recoñecín algunhas, outras non, e outras intúo onde deben estar (a antiga aldea de Portomarín, normalmente baixo as augas do encoro de Belesar, que só se ve cando baixa o nivel da auga).

A historia xira ao redor de Fiodor e Mijail, dous irmáns (Sergio Zearreta e Miguel de Lira, maxistrais) que naceron da relación da súa nai, unha labrega galega, cun mariño ruso que naufragou nunha praia, e que morreron dunha forma bastante curiosa. Viven nunha estraña cabana feita con refugallos e acompáñaos unha vaca, que nun determinado momento decide escapar e teñen que perseguila.

A película semella estar ambientada na Segunda Guerra Mundial, trata algo do wolframio, e aparece un grupo de americanos nun submarino (Luis Tosar e Iván Marcos), que intentar tomar a costa en nome dos Estados Unidos, cun fracaso bastante lamentable.

E tamén aparece un grupo de militares alemáns xunto cun falanxista (Farruco Castromán) que tampouco teñen demasiada sorte perseguindo a este par de irmáns aparentemente descarriados.

Xa digo, a trama é moi disparatada, pero bótanse unhas boas risas, e a historia resulta moi tenra e curiosa. Nada de tempo perdido.

A verdade é que vendo a película non me decatei demasiado de como era a música, pero vin actuar á Banda Crebinsky hai uns meses, así que teño claro que fan música balcánica que está moi ben. Antón Reixa comentou que esta película lembraba algo ao cine de Kusturica (pero como non vin ningunha película del, non sei se se refire á música ou ás historias en xeral). E unha señora algo desnortada dixo que "a música galega que sonaba na película estaba moi ben".

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2018 00:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal