A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Na edición deste ano das Lúas de Outono, que a Fundación Manuel María organiza todos os anos en setembro na Coruña, para lembrar o pasamento do Manuel, este ano tocou música. Susana Seivane presentaba o seu novo disco "FA".
Como xa explicou ela mesma en varias ocasións nestes últimos meses, FA son as iniciais dos seus fillos Fiz e Antón, que naceron nos últimos anos e que fixeron que estivera algo apartada do mundo musical, xa que non sacaba disco con novas cancións dende o ano 2009.
Había anos que non a veía actuar, e recoñezo que me sorprendeu moi positivamente, porque o seu grupo soa moi potente, e iso nunca me desagrada. Se non lembro mal, antes ela lideraba un grupo de folk, pero agora semella máis ben folk-rock, e por momentos parecía rock duro.
Estiven mirando en Youtube pero non atopei vídeos recentes dela, supoño que será porque levaba algún tempo algo apartada dos escenarios pola súa maternidade.