Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Común temos a patria: Biografía dos irmáns Villar Ponte

Pois nada, que últimamente nas miñas lecturas estoulle dando duro a ese xénero da biografía (non me desagrada en absoluto), e algunhas delas, non poucos, tratan sobre persoeiros da cultura galega.

Neste caso lin un libro que fala da vida e obra dos dous irmáns Villar Ponte, Antón e Ramón. Foi escrita por Emilio Xosé Ínsúa (hai uns anos xa lin outra obra del sobre as Irmandades da Fala) e Xurxo Martínez González.

Como acabo de dicir, ao ler o libro sobre as Irmandades da Fala, está claro que Antón Villar Ponte xa saíu naquel con moita presenza, porque foi o principal inspirador e motor durante moito tempo, así que algunhas cousas xa me soaron. Pero como Antón fixo moitas cousas máis, había moito que contar. Pero tamén tiña moito interese por saber que fixera Ramón, un deses persoeiros algo esquecidos, claramente eclipsado polo seu irmán maior.

Como primeira anécdota, diremos que Antón se chamaba realmente Antonio Ramón José Ponciano. E Ramón chamábase Ramón Ponciano. Así que, como vedes, os dous se chamaban Ramón e Ponciano, xa que este último era o nome do seu pai. Eran o segundo e o cuarto dun conxunto de cinco irmáns (3 homes e 2 mulleres), pero todos os demais morreron bastante novos de tuberculose, unha auténtica pandemia nesa época, así como os seus pais, aos que perderon cando aínda eran noviños. Naceron en Viveiro.

Podíamos empezar con Antón. Foi un xornalista e político moi polemista pero moi aprezado, e a súa morte causou unha grande ondada de dor na Coruña. Morreu en marzo de 1936, uns meses antes do golpe militar e do referendum que aprobaba o Estatuto galego, que nunca chegou a entrar en vigor. De feito, acababa de ganar un posto como parlamentario uns días antes de morrer, pero xa non puido tomar posesión. Xa fora parlamentario en Madrid ao comezo da II República, do ano 31 ao 33.

Como neste libro explican en detalle toda a súa traxectoria profesional, poden verse claramente os seus vaivéns, cambios de opinión e criterio, que non quedan moi bonitos. Pero tamén é certo que a época foi moi convulsa e as situacións sociais e políticas eran tan extremas, que non debía resultar nada doado gardar un mínimo de coherencia.

Tamén chama a atención o cambio de criterio con respecto ao idioma, aínda que ese tema era moi peliagudo na época (ou sexa, máis ou menos como agora). Cando puxo en marcha as Irmandades da Fala na Coruña, xa tiña 35 anos. Ata aquel momento só falara ou escribira en castelán, aínda que cada vez ía animando máis a falar e escribir en castelán e a preocuparse pola cultura e situación de Galicia.

E o mesmo poderíamos dicir da súa militancia política. Está claro que ao ser o impulsor das Irmandades, naqueles anos iniciais era unha das estrelas do nacente nacionalismo galego (el foi un dos que dixo que rexionalismo e galeguismo xa eran termos obsoletos, había que ser nacionalista). Pero poucos anos despois, parte das Irmandades dixeron que había que dar o salto á política para intentar quitarlle algo de poder aos partidos turnistas e caciquís. E el non estivo de acordo en absoluto e chamaba á abstención. De aí naceu a Irmandade Nacionalista Galega, onde estaba con Risco e Otero Pedrayo. Pero uns anos máis tarde cambiou de criterio e meteuse en política e incluso saíu elixido deputado pola Coruña a comezos da II República. E obviamente, por ese cambio de opinión, os nacionalistas chamáronlle de todo, e el defendiuse como mellor puido, como fan sempre os políticos, que nunca se equivocan. Antes diso incluso foi concelleiro na Coruña durante uns meses na época da Dictadura de Primo de Rivera, elixido sen eleccións. Dimitiu por dignidade, pero chamáronlle de todo, e seguramente con moita razón.

Ao principio da República, fundou xunto con Casares Quiroga e outros a ORGA, que teoricamente era un partido de esquerdas, republicano, federal e algo nacionalista, sobre todo grazas á presenza de Antón. Tiveron un bo éxito nas eleccións do ano 31, el foi elixido deputado pola Coruña, e Casares Quiroga foi incluso Ministro de Gobernación. Pero axiña viuse que o "cacique" do partido era Casares Quiroga, tomaba todas as decisións e eliminou todo rasgo autonomista do partido, ese tema nunca era prioritario. Antón foise desencantando, marchou ao final daquela breve lexislatura no ano 33, e a comezos do ano 34 xa estaba no Partido Galeguista. Para moitos, foi unha grande alegría, pero algúns non lle perdoaban todos os deslices anteriores.

E por rematar con algo, estivo emigrado en Cuba durante un par de anos, cando tiña case 30 anos. Tivo un certo éxito pero tamén foi moi polémico (vamos, que non deixaba indiferente o rapaz), e iso obrigoulle a vivir en La Habana primeiro e despois en Camagüey, porque se creara algúns inimigos poderosos na capital. E tamén dicir que, de formación, el era farmacéutico. Tivo botica durante varios anos en Foz, pouco antes de marchar para Cuba. E cando volveu a Galicia, estableceuse na Coruña, e tivo botica en Monelos, supostamente durante toda a vida. Teoricamente é do que vivía, pero coa intensísima vida política e xornalística que tivo durante décadas, a verdade é que as contas non me saen.

E que dicir de Ramón? Foi moi eclipsado polo seu irmán maior, aínda que el tamén faría algo (ou non o faría, máis ben) para que fora así. Tiña nove anos menos que Antón, e coa morte dos seus pais, foi criado por dúas tías, que eran moi beatas. Debido a iso, el tamén tiña un sentimento relixioso moi profundo, e aí xa está unha grande diferenza con respecto ao seu irmán, que defendía o laicismo e a non interferencia da Igrexa nos asuntos públicos.

Ramón era moi belixerante co tema do idioma, incluso máis que Antón. De feito, parece que a idea de fundar as Irmandades da Fala foi unha idea que inspirou Ramón, pero que Antón liderou. Polo que se pode ler nalgunhas cartas e artigos, semella que nalgúns momentos, na refrega política, Ramón tiña certa tendencia a defender e/ou recomendar a violencia ou a loita armada, se era necesario. De feito, chamáballe moito a atención o proceso irlandés (que estaba pedindo a independencia naquel mesmo intre) e o ruso.

Ramón viviu boa parte da súa vida en Viveiro. Incluso chegou a ser alcalde, nun breve lapso duns meses ao comezo da II República. Pero foi un momento de tanta tensión (sobre todo polo "fogo amigo"), que dimitiu ao pouco tempo e non quería saber nada do tema.

No tramo final da II República, estaba moi descontento co xiro esquerdista que estaba dando o Partigo Galeguista. El fixérase militante do mesmo dende o comezo, no ano 31, non como Antón. Pero o seu conservadurismo relixioso ía contra a tendencia á esquerda do PG. Así que estivo moi pouco implicado na campaña coa Frente Popular do 36. Na do plebiscito do Estatuto, que foi uns meses despois, activouse algo máis, pero non demasiado.

Seguramente iso lle valeu seguir vivo, porque seguiu vivindo en Viveiro, e os falanxistas da zona apenas lle fixeron nada, cando si mataron a outros compañeiros seus. A súa práctica relixiosa e a súa pouca significación pública nos últimos e tensos anos fixo que os falanxistas non pediran a súa cabeza.

Nos anos 40 veu vivir para a Coruña, para o final da rúa Juan Flórez (eu coñecín a unha filla súa hai uns anos, e aínda vivían na mesma casa). Estivo alí como profesor dun colexio cercano, e morreu no ano 1953, cando tiña 63 anos, debido ás lesións dunha malleria que lle deron uns falanxistas na Praza de Pontevedra, polo que parece.

Hai pouco, nunha conferencia, escoitei que a persoa das Irmandades da Fala que estaba máis interesada na Revolución Rusa era Ramón Villar Ponte. Tendo en conta que teño contacto co historiador que mencionou ese dato (moi de pasada, é certo), preguntareille a ver se era certo e en que basea esa opinión. Porque despois de ler este libraco (que fala moito máis de Antón que de Ramón, obviamente), non o teño tan claro. Si parece claro que na época na que se fundaron as Irmandades da Fala (1916) tiveron lugar o comezo da loita pola independencia irlandesa (1916) e o comezo da Revolución Rusa (1917). Parece que a Ramón lle interesaban moito estes dous procesos. Pero tamén é certo que sempre foi moi relixioso e, sobre todo cando xa era algo maior, veía ao marxismo ruso como o demo. Ou moito cambiou de opinión ou hai algo que non cadra.

Déixovos unha foto de Ramón Villar Ponte, que é moito menos coñecido que Antón.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-08-2018 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal