Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A coroa
Acabo de rematar un novelón medieval ambientado na época dos Tudor ingleses, concretamente no divertido Enrique VIII, que deu tanto de si. Xa o verán pasado lera outra novela ambientada nesta época e lugar, e xa me estou facendo colega dese tal Thomas Cromwell (que eu confundín ao comezo con Oliver, que era o máis famoso inicialmente).

A cousa é sinxela. A mediados da década de 1530, Enrique VIII decátase de que a súa primeira muller (xa sabedes que chegou a ter seis), Catalina de Aragón, de orixe española, só lle pode dar fillas, e como o rei é bastante mulleireiro e ademais quere ter descendencia masculina, intenta anular o seu matrimonio para casarse con Ana Bolena, que nese momento lle gustaba moito máis. E xa sabedes o lío que se armou por isto: que se matan a Thomas Moore, que non estaba de acordo, que se crea a igrexa anglicana, que se rompe con Roma, etc. Pois nesa época o ministro principal de Enrique VIII é ese Thomas Cromwell, que é o principal ideólogo da ruptura con Roma e a súa idea é disolver todos os mosteiros de Inglaterra para quedarse coas súas riquezas.

Obviamente, o lío que se armou foi tremendo, e naquel momento, a vida monacal vese totalmente transformada, porque había unha clara ameaza de desaparición dese tipo de vida, que ata aquel momento tiña moito prestixio social. É importante mencionar isto porque boa parte desta novela que lin transcorre en mosteiros, principalmente no priorato feminino de Dartford. Por certo, a novela titúlase "A coroa" e foi escrita por Nancy Bilyeau.

A rapaza que protagoniza o relato, a irmá Joanna Stafford, pertencía a unha familia nobre de Inglaterra (incluso estivo na corte algunha vez e foi dama de Catalina de Aragón durante un breve prazo), pero, por razóns que non veñen ao caso, está no priorato de Dartford. Entérase de que van axustizar na fogueira a unha curmá súa coa que se levaba moi ben, e decide escapar para despedirse dela. E por unha estraña coincidencia, remata na Torre de Londres acusada de ser a posible lideresa da facción que está en contra dos plans de Thomas Cromwell e Enrique VIII, aspecto que resulta absurdo a todas luces. E o seu pai está sendo alí torturado pola mesma razón.

Así que o prelado de Winchester, Stephen Gardiner, personaxe moi controvertido e odiado por moita xente, decide aproveitarse desta estraña situación, e pon a Joanna nunha encrucillada. Poderá salvar ao seu pai se consegue atopar no seu priorato unha antiga reliquia que se cre que está alí escondida. Esa suposta reliquia é a coroa do antigo rei sazón Athelstan (do século X), que se di que ten grandes poderes. Na novela dise que podería ser ou podería ter algunhas das espiñas da coroa de Cristo, e que o poder que ten é terrible, sobre todo para as persoas que chegaron a tocala, xa que moitos reis míticos de Inglaterra parece que morreron ou enfermaron ao tela, como Ricardo Corazón de León.

Como vedes, é un rollo medieval relixioso escolástico, que non chama demasiado a atención. Obviamente, hai varios crimes na trama, e algunhas investigacións dos mesmos, pero todo xunto é unha mestura algo explosiva, que ao final gustoume menos do que esperaba. Que se lle vai facer!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-08-2018 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal