Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A chegada
Onte vin na televisión -sen cortes publicitarios- unha película de ciencia ficción de hai pouco tempo que conseguiu boa fama. Titúlase "A chegada" e foi dirixida por Denis Villeneuve.

En Galicia fíxose máis ou menos famosa (non no resto do planeta) porque nunha escena relativamente non moi transcendente do comezo, a protagonista, que é profesora de lingüística nunha universidade americana, comeza a dar unha clase para unha aula que está practicamente baleira. E falando das linguas romances, comeza a falar do portugués, e di que provén do "Reino de Galicia". A partir de aí, comezan a soar as sirenas, evacúase o edificio e practicamente todo o país, porque acaban de aparecer 12 "ovos" xigantescos en diferentes lugares do planeta que conteñen a unha civilización extraterrestre (obviamente, a película trata sobre isto e non sobre a historia das linguas romances, pero por aquí fixo ilusión, debía haber algún guionista con conexión galega).

Pois iso: "A chegada" refírese a que chegan eses 12 ovos, que se colocan en 12 lugares diferentes. Obviamente, un deles é en Estados Unidos, concretamente en Montana, e a trama da película céntrase aí, como non podía ser menos. Hai outro na China (Shanghai), Rusia, Venezuela, Sudán, e agora mesmo non lembro outros lugares. Na película mencionan que ninguén foi de atopar unha característica común aos 12 lugares. Pero hai que resaltar que eses ovos non son agresivos, simplemente se colocan aí e intentan interactuar cos humanos do exterior cercano, que obviamente intentan investigalos, sobre todo por se son unha ameaza.

Os tres protagonistas principais son:
- Unha lingüista (Amy Adams) que, polo visto, sabe falar ou defenderse en case todos os idiomas do mundo (un tanto incrible) e que lidera o equipo para intentar comunicarse cos extraterrestres.
- Un físico (Jeremy Renner) que é unha das grandes eminencias do seu campo, e que intenta entender como se desprazaron, de onde veñen, etc. En calquera caso, é o principal apoio da lingüista e ao final parece dedicarse máis a ese labor.
- Un militar (Forest Whitaker) que os contrata para liderar o equipo que contacta cos extraterrestres.

A película está ben, pero tampouco me apaixoou. Dende logo, hai que recoñecer que se sae dos tópicos habituais e que propón reflexións moi interesantes sobre como podería ser ese primeiro contacto con civilizacións extraterrestres. Tal como está o mundo actual, está claro que se isto sucede algún día, é moi probable que a táctica belicista eclipse ás outras, pero na película non sucede, aínda que podería parecer que ía ser así.

A conclusión principal da película (sen destripala) é que a civilización extraterrestre vén en son de paz e que trae un regalo en forma da súa complexa linguaxe (que ao principio resulta un tremendo galimatías, claro, pero despois xa non tanto), e que ten cualidades insospeitadas e positivas que ningunha das actuais linguaxes humanas posúe. Debido a iso, os xiros que dá o guión nos últimos minutos son moi peculiares e hai que estar moi atento, porque pode resultar algo confuxo.

O que si resulta curioso, como tantas outras cousas, é que en Youtube os comentarios que hai sobre o seu trailer en español (que vos poño ao final) son bastante estúpidos. Hai algúns que pensaron que era a típica película americana palomitera, e están tremendamente decepcionados. E hai outros que, sabéndoo, quéixanse de novo porque é unha película americana na que os americanos son sempre os máis listos e lideran ao resto do mundo en todas as cualidades boas. Pois que non vexan cine americano!! Como se fora tan difícil darse conta de que un dos seus principais medios de marketing da súa cultura e opinión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-08-2018 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal