Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Manuel Antonio: unha vida en rebeldía
Acabo de ler a biografía do poeta Manuel Antonio que publicou Xosé Luís Axeitos hai pouco tempo. Tiña varias razóns que me facían o libro bastante atractivo para ler.

Por unha banda, non sendo eu un fanático da poesía, recoñezo que Manuel Antonio "ten algo", resulta un poeta bastante atractivo, pola súa peculiar vida e obra, que quería coñecer máis en detalle. Ademais, Xosé Luís podía conseguir moita información do poeta porque tamén é rianxeiro, e da mesma parroquia na que o poeta viviu boa parte da súa vida. Ademais, fun na A.C. Alexandre Bóveda á presentación do libro e agradoume o que oín (aínda que eu xa mercara o libro antes).

En definitiva, Manuel Antonio me intrigaba por varias cousas. Por exemplo, o mito que xira arredor del, provocado entre outras cousas porque non chegou a vivir nin 30 anos. O feito de que fora mariño e boa parte da súa poesía publicada (que non é toda a que fixo) teña esa temática. Pero claro, como pasa con todo, cando sabes algo máis, o persoeiro queda algo desmitificado.

Vaiamos por partes. En primeiro lugar, Xosé Luís dixera que non era un experto biógrafo e que non tiña moi claro se estaba satisfeito coa biografía que lle saíra. Unha biografía pode facerse de moitas formas, pero a que escolleu el, non sendo o meu modelo favorito, non lle quedou nada mal. En vez de facela de forma cronolóxica, foi abordando diferentes facetas da súa vida ou contexto: como era Rianxo, a súa familia, as súas lecturas e formación, a condición de navegante, o compromiso político e a enfermidade. Como vedes, apenas se fala da obra, que só se menciona claramente nun capítulo cerca do final. Eu seguramente non a faría así, pero agora mesmo non o teño tan claro, porque neste caso funcionou moi ben.

Por exemplo, comeza contando como era Rianxo, a que se dedicaba a xente, as familias políticas que había na época, e outra serie de cousas. E iso xa explica bastantes aspectos da posterior vida do poeta.

A relación coa súa familia tamén foi algo controvertida. Ao seu pai apenas o coñeceu porque morreu de tuberculose cando el tiña catro anos. Coa nai tivo bastante máis contacto, e tiña moita admiración por ela, pero os caracteres eran moi distintos. Ela era mestra e andou por diferentes partes de Galiza, pero era moi integrista e ultracatólica, e aínda que o poeta respetaba iso, axiña houbo grandes diferenzas entre eles por esa razón. Ademais, na familia tamén tiña varios curas, de morais ben diferentes (uns máis estrictos e outros máis disipados). Polo tanto, a relación coa familia tiña que ver bastante co seu sentimento relixioso.

Non era bo estudante e decidiu estudar algo que non fora moi teórico, como náutica, en Vigo. Ademais, semella que a vida esforzada, pero tamén algo bohemia (en terra) dos mariñeiros, lle atraía. Estivo embarcado pouco tempo porque tardou en conseguir o título xa que non lle daban a exención do servizo militar (múltiples exames médicos nos que a tuberculose asomaba a cabeza), e porque morreu moi novo (pola tuberculose, obviamente, que foi unha pandemia da familia e da época). Pasou boa parte da súa corta vida como navegante no pailebote mercante "Constantino Candeira" (onde compuxo "De catro a catro"), pola costa española, principalmente andaluza e levantina, aínda que tamén estivo en Bilbao. Despois embarcou no transatlántico holandés "Gelria" (agora hai un grupo de música formado por emigrantes galegos que musican poemas chamado así), co que cruzou tres veces o océano ata Bos Aires, onde buscou a algúns veciños rianxeiros emigrados. E a súa última experiencia foi no pesqueiro "Arosa", con base en Cádiz, que pescaba nos bancos do norte de África.

Unha das cousas que me chamou a atención na súa vida, era que se reivindicaba como rianxeiro e mariñeiro, pero case nunca viviu na vila de Rianxo, só nos dous primeiros anos de vida. Nese momento, a tuberculose de seu pai fíxose máis grave e recomendou illamento. Por esa razón marchou coa súa familia materna para Iria e Padrón. Despois volveu para Rianxo, pero non para a vila, senón para Asados, parroquia a 4 km da capital (de onde tamén é Xosé Luís Axeitos). E despois, por estudos, tamén pasou tempadas en Vigo e Santiago. E en todas as partes onde viviu, pero sobre todo en Asados, era un tipo solitario, que apenas falaba con ninguén.

Aparte dese caracter huraño e solitario, fixo moitas cousas que denotan que seguía o seu propio camiño, e que tiña uns principios moi claros. Estivo a piques de enrolarse na Lexión Estranxeira a finais da I Guerra Mundial, para loitar contra Alemaña (pillárono en Euskadi, a piques de pasar a Francia). Fíxose moi nacionalista, e nese fervor, queimou unha bandeira española nun acto en Rianxo. O acto non tivo moita repercusión, entre outras cousas, porque o seu tío e alcalde, moi decepcionado por ese feito, decidiu ocultalo e non darlle moito aire (o poeta movíase en círculos progresistas pero a súa familia era moi conservadora, pero a pesar diso, non tivo grandes problemas). O manifesto "Máis alá!", asinado con Álvaro Cebreiro (e supostamente apoiado ou escrito por Antón Vilar Ponte, aínda que iso non está nada claro), obviamente non lle fixo grandes amigos na cultura galega, porque rompía e renegaba de toda a tradición anterior, polo menos dende o punto de vista estético e artístico (porque en navegación, el prefería os pailebotes a vela que os transatlánticos de vapor ¿¿¿???).

En definitiva, unha vida moi breve, e un personaxe moi complexo e poliédrico. Se cadra, o que quedou menos claro despois de ler o libro foi todo o que escribiu. Pareceume entender que entre "De catro a catro" (19 poemas) e os 21 poemas soltos que foi publicando en revistas e similares, deberon publicarse 40 poemas del (entendo que en vida). Pero tamén me pareceu ler que había 2 ou 3 poemarios (lembro un dos títulos, "Foulas") que pareceu ficar inédito. Non sei se foi xa editado ou como está ese tema. E tamén entendín que varios amigos conseguiron sacar da casa da súa nai todos os seus materiais (parece que o gardaba todo, non só obra poética, senón todo tipo de papeis da súa vida) en torno aos anos 60 ou 70, pero que parte deses materiais, como os manuscritos de "De catro a catro" non se sabe moi ben onde están, porque Domingo García Sabell sempre se negaba a prestalos ou amosalos.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2018 14:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal