Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho no Courel

Todos os anos polo verán, unha das "marcas brancas" (todas o son) de Viaxes O Lóstregho dedica uns días a ese nobre exercicio do sendeirismo, por Galicia ou arredores cercanos.

Este ano tocou no Courel. Entre outras cousas, porque tiñamos ganas de hospedarnos na magnífica casa de turismo rural As Triegas, que está en Paderne do Courel, a poucos quilómetros de Seoane.

E así o fixemos. Pero houbo algo inesperado que determinou as actividades realizadas. Resulta que tiñamos moita información sobre o Courel, pero moi fragmentada, e non todo o que tiñamos era da mesma calidade. Despois dunhas cantas horas de traballo intentando ordear todo ese caos, decatámonos que precisamente a zona pola que íamos estar nós era na que había máis cantidade e calidade de rutas de sendeirismo, así que decidimos facer todas as rutas por aquela zona, e así facer menos desprazamentos en coche para chegar ao comezo das rutas, factor que no Courel se agradece, porque as estradas son bastantes estreitas e sinuosas. E por se non chegara con iso, resulta que entre Paderne e Seoane, había tamén un curso de astronomía que resultou moi agradable.

Vou entón detallar o que fixemos cada un dos días que estivemos por alí:

- Primeiro día: Chegamos ao Courel a media mañá, e xa era tarde para facer a primeira ruta de sendeirismo incluída no curso de astronomía. Así que nas poucas horas que había entre a nosa chegada e o comezo da charla vespertina, subimos á Mina da Toca, antiga mina romana que agora está derrubada porque se utilizou a famosa técnica da "ruina montium". Tristemente, agora pouco se pode ver porque está totalmente abandonada e é moi perigoso meterse alí polo perigo de derrumbe ou de caer por un precipicio. Despois fomos á charla que daba un astrónomo da Asociación Astrourense na Estación Científica do Courel (magnífica instalación construída pola USC e que está totalmente infrautilizada, mágoa). Despois ceamos xuntos moitos dos asistentes na Casa Caselo de Paderne, e cando xa era noite pechada subimos en coches ao Alto da Pedra (porto de montaña que separa Folgoso do Courel do concello de Samos, a 3 km de Paderne) para ver o ceo. O ceo que se veía era espléndido, non había nin unha soa nube, non ía demasiado frío... Vimos "perseidas" ata cansarnos, puidemos mirar diferentes planetas, estrelas e cúmulos de todo tipo polo telescopio que trouxo o astrónomo de Astrourense. Como vedes, moi intenso o primeiro día, que se prolongou ata as 3 da madrugada no monte.

- Segundo día: Fixemos a ruta do Monte Cido. Existen varias versións da ruta, e distintas variantes dentro dela. Nós fixemos a que saía de Esperante, pasa polo castelo de Carbedo, e que non chegaba a Moreda, senón que cruzaba pola cresta do propio Monte Cido. Eu xa subira a este monte a primeira vez que fun ao Courel, e non pensaba que esta ruta me ía gustar tanto como o fixo. Despois de rematar a ruta, achegámonos á Aula da Natureza para coller folletos novos da zona que non tivéramos. E despois fomos, por primeira vez, visitar a Casa Museo de Uxío Novoneyra, en Parada do Courel. E tivemos a sorte de que estaba alí Uxío Novo, o seu fillo, que nos fixo unha visita guiada memorable. Tamén estaban Elba Rei, a muller do poeta, e Branca Novoneyra, a outra filla.

- Terceiro día: Aquí fixemos algo que levabamos tempo con ganas de facer. No Courel sucede unha cousa moi curiosa que non sucede noutros lugares, supoño. Como a serra é máis ben baixa (os picos máis altos apenas sobrepasan os 1.600 metros, que non é unha altura descomunal), resulta que lles deu por facer unha pista forestal que pasa a máis de 1.500 metros de altura, tocando os picos principais (por alí arriba hai canteiras, supoño que a farían por iso). Está claro que se chegas a esa pista forestal, podes percorrer toda a liña de cumes con moita facilidade, e iso foi o que fixemos. Nós subimos a esa pista dende o Alto do Couto, un porto de montaña que xa pasa dos 1.300 metros de altitude (esta si é unha altura considerable para estrada asfaltada). Deixamos alí o coche e en menos de 1 hora xa estabamos ao pé de Formigueiros, o pico máis alto da serra, cuns 1.640 metros da altitude. Dende aí fomos ata o segundo pico máis alto, Pía Paxaro, duns 1.610 metros de altura. A partir dese punto, a serra xa perde altura, e aparecen múltiples pistas que dan servizo ás canteiras, que están por esa zona. Está de máis dicir que as vistas cara aos dous lados son impresionantes. Debe verse boa parte do sur da provincia de Lugo e o Bierzo.

- Cuarto día: Fixemos a ruta do Castro da Torre, que non está moi ben sinalizada. Sae da Ferrería Nova, pasa por Mercurín, chega ao Castro da Torre, cruza o Lor, chega a Ferreirós de Abaixo, e dende aí volta para Ferreria Nova. Ruta moi chula, pero que se cruza con varias máis (xa dixen que por esta zona hai mogollón de rutas), e a sinalización é moi caótica e pouco clara.

- Quinto día: E último. Fixemos a ruta do Val do Río Pequeno. O tramo entre Seoane e Paderne (ou viceversa) eu xa o fixera catro veces, pero tiña ganas de facela completa. Iso si, fixémola dende Paderne, aproveitando que estabamos alí aloxados. Sube pola Devesa da Escrita ou de Paderne, ata o Castro de Brío, de aí baixa a Mercurín, despois a Ferrería Nova, sube a Seoane, e dende aí, ascende de novo a Paderne polo propio val do Río Pequeno. Aproximadamente a metade da ruta xa a fixéramos noutras ocasións, por diferentes razóns, pero estivo ben completala por enteiro. E de aí, volta para casa.

A foto que poño non é miña, pero vese moi ben (suponse que no colorido outono) un monte que non é moi alto pero é moi vistoso. Está moi cerca de Paderne e recibe o nome de Taro Branco (1.228 metros). É un afloramento de rocha caliza con forma de L invertido, e resulta moi vistoso de ver, sobre todo dende certa distancia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2018 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal