Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Patria
Acabo de ler a novela "Patria" de Fernando Aramburu. Trata sobre o conflito vasco, parece estar escrita nestes últimos anos cando ETA xa parecía que chegaba ao seu final. A novela presentouse hai un par de anos, e xa uns cantos anos antes dixeran que deixaban a violencia, pero só hai un par de meses que ETA confirmou a súa desaparición.

Parece que foi un libro moi ben valorado e vendido. O que xa non teño tan claro é onde foi tan ben valorado e vendido, dígoo porque simplemente non fixen o traballo de enterarme. Pero creo ter bastante claro que a opinión que haxa en Euskadi, o resto do Estado español ou o resto do planeta non teñen por que coincidir en absoluto.

Eu lino e gustoume moito. Enganchoume moito e tiña moito interese en seguir lendo. Aparte do moi atractivo tema, supoño que o feito de estar organizado en 125 capítulos breves de 4-6 páxinas tamén o facía máis asequible neste caluroso verán. Eran máis de 600 páxinas e duroume 3-4 días case sen pestanexar.

A trama trata basicamente da relación entre dúas familias dunha pequena vila cercana a Donosti (nunca se menciona cal é, pero parece claro que é en Gipuzkoa e cerca da capital de provincia). Que por certo, parece que o mundo abertzale sempre tivo máis forza nesa zona.

A relación entre as dúas familias e a xente da vila é fantástica, ata que "alguén" considera que o pai dunha delas, por ser o propietario dunha pequena-mediana empresa que dá traballo na zona, é un explotador dos obreiros. Por esa razón, comeza a estar na diana dalgunha xente, e un día é asasinado. E mira ti por onde, un dos novos militantes de ETA máis destacados é desa vila e é un dos fillos da outra familia. O empresario asasinado ensinou a andar en bicicleta (que en Euskadi é deporte nacional) ao rapaz, futuro militante de ETA, e a súa relación era marabillosa. Pero a vida dá moitas voltas.

FAMILIA DO EMPRESARIO

- O Txato: Pai, empresario asasinado. Era moi aprezado pola xente, ata que alguén comezou a poñer pintadas contra el na vila por ser un empresario explotador. Debido a iso, moita xente deixou de falarlle, entre eles a outra familia protagonista, coa que tiñan moi boa relación de sempre.

- Bittori: A súa viúva. En xeral, case todo xira en torno a ela, no momento en que decide volver á vila (mudárase a un piso en Donosti que mercara o seu marido) e intenta conseguir contactar co fillo da outra familia, que está preso en Andalucía, para preguntarlle simplemente se el tomou parte no atentado que matou ao seu marido. Esta intención pon moi nerviosa a algunha xente na vila, sobre todo á outra familia, claro.

- Xabier: O seu fillo maior, médico nun hospital de Donostia. Case 50 anos, sen ningunha relación estable, está moi pendente da nai dende que asasinaron ao seu pai, aínda que non vive con ela. Marchou da vila porque todos pensaron que era o máis axeitado.

- Nerea: A filla pequena, estaba moi unida ao pai. Foi enviada a estudiar Dereito á Universidade de Zaragoza polo seu pai. Ela non o entendía e non lle agradaba demasiado a idea, pero despois entendeu que o seu pai intentaba alonxala do pesado ambiente da vila, que se estaba radicalizando. En calquera caso, o seu contacto coa familia é algo máis esporádico e bastante ten con intentar formar unha familia

FAMILIA ABERTZALE

- Miren: Era amiga íntima de Bittori, de toda a vida. Pero nun breve espazo temporal, comezan a a aparecer as pintadas contra o Txato, e comeza a notarse que o seu fillo Joxe Mari ten cada vez máis simpatías pola violencia radical de ETA. E dá unha viraxe ideolóxica e social e deixa de ter contacto coa familia á que máis unida estaba, a do Txato. E comeza a defender con ahínco as ideas de ETA e do entorno abertzale, parece que por amor ao seu fillo, que non podía estar equivocado.

- Joxian: Marido de Miren e o mellor amigo do Txato. Semella ter moi pouco caracter e estar totalmente dominado pola muller. Cando comeza a persecución do Txato na vila, en vez de facer valer a súa amizade, vaise separando del, porque está mal visto estar con el, dándolle así a razón ao seu muller Miren. Pero vese durante toda a novela que é o máis flexible e que desexa reanudar as relacións coa outra familia.

- Arantxa: A filla maior, escapa axiña da familia e da vila porque non soporta a presión de vivir alí e o xiro radical da súa poboación. Casa en Rentería cun fillo de andaluces que ten nome e apelidos non vascos, e non sabe euskera. Aínda que sexa bo tipo, a familia de Arantxa non o traga, especialmente Miren. E iso fai que Arantxa se vaia afastando da familia, aínda que non lle doe. Pero cando xa ten unha certa idade, dálle un ataque en Mallorca cando estaba de vacacións coa filla menor e queda discapacitada. O marido faise cargo dos fillos pero non dela, e ten que volver para a casa da nai. Vai en cadeira de rodas, ten mobilidade moi reducida, non fala e comunícase a través dun iPad. Pero ideolóxicamente está moi afastada da nai e segue querendo moito á outra familia, intentará unilas.

- Jose Mari: O fillo mediano, non lle gusta estudiar, pero é moi forte, e parece que moi bo xogador de balonman. Vai movéndose coa xente abertzale da súa vila, e acaba entrando en ETA. É considerado por iso un heroa na súa vila. Coméntase que puido ser el mesmo o que matou ao Txato. Foi apresado e pasou por varias cadeas do Estado español, agora está en Puerto de Santa María. Bittori está intentando contactar con el para preguntarlle simplemente se matou ao seu marido. A el non lle fai ningunha graza ese intento. É considerado un dos duros da banda.

- Gorka: O fillo pequeno, moi tímido, gústalle moito ler. Non lle agrada nada o entorno abertzale, pero de cando en vez déixase ver nel, porque a presión na vila é tremenda. Escribe moi ben e fala moi ben en euskera, cousa que todos lle envexan, pero todos botan en falta que non sexan tan entusiasta e enérxico como o seu irmán Jose Mari. En canto pode, vaise para Bilbao a traballar nunha emisora de radio, onde coñece a Ramuntxo, con quen vive. Na vila tardan moito en saber que é homosexual, detalle que non fai moita graza, pero ao final déixano estar e que faga a súa vida.

Obviamente, hai máis personaxes secundarios e todo o entorno do conflito vasco, que xa dá moito de sí. Pero está claro que está todo moi retorcido e enrevesado. Aparte de todas as barbaridades que se debían facer nos cuarteis e comisarías, o que se relata sobre o ambiente pesado, enrarecido e sesgado das pequenas vilas do interior de Euskadi (sobre todo en Gipuzkoa e Bizkaia, creo) é terrible. É imposible vivir así. Non sei eu como estará agora. Semella que algo máis tranquilo, pero non o teño tan claro. Está claro que agora non hai mortes, e polo tanto o cambio xa é unha melloría espectacular. Pero coñezo a xente en Euskadi que me dixo que a cousa cambiou, pero non tanto, tanto ¿¿¿???.

Polo tanto, recomendo vivamente a lectura da novela, ofrece unha visión bastante obxectiva do conflito. Iso si, se cadra habería que deixar claro que o autor, Fernando Aramburu, vive en Alemaña dende hai máis de 30 anos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2018 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal