Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Citizenfour + Snowden
Si, máis ou menos como todo o mundo, entereime hai uns anos que un tal Edward Snowden, que traballaba na CIA (ou algo así) decidiu desvelar parte do traballo que estaban facendo, para que o mundo soubese o sucio que estaba xogando o goberno americano coa seguridade e a privacidade da información en Internet.

Sendo unha historia moi interesante, recoñezo que tampouco lle prestei maior atención. Supoño que a razón principal é que non me sorprendeu demasiado. Non quero irme de listo, pero entre que era previsible, e que ese país me parece o cancro máis importante que hai no planeta, tampouco me puxen a chorar da decepción, simplemente confirmou o que xa sospeitaba.

Pero mira ti por onde, que hai unhas semanas, na mesma fin de semana, vin un documental e unha película que trataban sobre ese tema. E decidín velos, para enterarme mellor da cousa, porque claramente a historia ten moita chicha. O sábado pola tarde vin o documental no Fórum Metropolitano da Coruña e o domingo pola noite botaron a película na televisión. Conxunción astral.

Primeiro foi o documental "Citizenfour", dirixido por Laura Poitras. Conta como se pon en contacto (de forma moi discreta, claro) Edward Snowden con esta directora de documentais, para comentarlle o que quere desvelar. Aparecen por alí varios xornalistas ingleses que colaboran no protocolo para revelar esta información, que acaban publicando The Guardian e The Washington Post.

Todo o documental é moi interesante. Pero chamáronme a atención varias cousas que pasaron no hotel de Hong Kong onde se coñeceron. Snowden é unha persoa obsesionada coa súa privacidade e discreción, como é obvio. Pois nos días que estivo alí, e nos que foron desvelando cousas, gradualmente, pasaron "cousas estrañas" no hotel. Como que soou a alarma de evacuación de incendios varias veces, e resulta que estaban facendo probas. Ou que recibía estrañas chamadas na habitación. Ou sexa, que todo soaba a paranoia.

A película "Snowden" conta basicamente o mesmo, pero con actores e actrices, obviamente. Agás que ao final sae a imaxe real de Snowden dende Rusia, a onde se exiiliou despois de escapar de Hong Kong. Pero amplía algo máis o foco, e aí vese que el intentou formar parte do exército, pero era máis feble fisicamente e decatouse que podía axudar ao seu país dende outros postos máis e mellor adaptados ás súas capacidades.

Todo isto está moi ben, pero a min hai algo que non me cheira demasiado ben. Tanto no documental como na película déixase caer a idea de que Snowden (e algunhas das persoas que traballaban con el, tamén xente nova) se sorprenderon que o país máis espiado nas redes de vixilancia das que eles formaban parte eran os Estados Unidos. Empezaron a rascar, e viron que, a pesar do que se dicía, a espionaxe era indiscriminada e a todo o mundo, tanto dentro como fóra dos Estados Unidos, pero especialmente dentro do seu país. E parece que iso foi o que lle indignou. Que se espiara moito aos outros países ou aos estranxeiros que vivían en Estados Unidos non lle indignaba o máis mínimo. Pero el era moi patriota e non lle parecía nada ben espiar aos seus compatriotas sen razón. Buf, a min isto non me cheira nada ben tampouco.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2018 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal