Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A paixón de Xoana de Arco
O outro día foi a inauguración da nova edición do Festival S8 que se celebra na Coruña. Comezou sendo un festival no que se honraba ao formato super 8, pero xuraría que agora derivou a todo tipo de cine experimental que se fai polo mundo adiante. Recoñezo que aínda non asistín a ningunha das súas sesións, non me chama nadiña.

Pero si vou ás inauguracións, porque normalmente son nun gran auditorio (esta vez foi no Teatro Colón) proxectan unha película de cine mudo con música en directo dunha grande orquestra ou similar.

Esta vez botaban "A paixón de Xoana de Arco" rodada en 1928 polo mítico Carl Theodor Dreyer. Polo visto, está considerada unha película francesa, pero os rótulos entre as esceas tiñan pinta de estar en danés, que era a lingua de Dreyer. Polo que comentou Quico Cadaval na súa divertida presentación, a Cinemateca Francesa ou quen fora ofreceulle facer unha película sobre algunha importante muller francesa, e déronlle a escoller entre Xoana de Arco, María Antonieta e outra persoa que agora mesmo non lembro (supoño que isto non sería coña).

Eu creo que a historia de Xoana de Arco daba moito de sí, pero ao estar centrada só no seu xuízo e tratar dun tema máis teolóxico que outra cousa, resulta basante pesada, e algo dura de seguir. Foi musicada pola Orquestra Gaos, ubicada no foso e dirixida por Fernando Briones, e o Coro Gaos estaba nos palcos laterais. O son era bastante impresionante. Tocaban unha peza composta para esta película por Richard Einhorn hai varias décadas.

Pero este experimento é algo arriscado. Unha película que dura case 2 horas e unha partitura que ten que adaptarse a ela como unha luva, pode fallar por moitos sitios. Cando ían poucos minutos de película, todos puidemos ver como había un erro na proxección, aparecía o logotipo do festival de novo, aparecían os primeiros títulos de crédito, e case inmediatamente a proxección seguía no mesmo punto onde se "cortara" (quedounos a dúbida naquel intre de se o soporte de almacenamento recuperou a reprodución no mesmo punto ou non).

Obviamente, a orquestra e o coro, que estaban tocando e cantando nese momento, nin se enteraron, aparentemente. Pero o caso é que a película rematou e eles seguiron tocando e cantando durante uns cinco minutos, do cal podemos deducir que nos debimos perder algún tramo de película. E iso non resultaba doado de saber, porque estabamos no medio do xuízo, que dura moitos minutos, así que calquera sabe. Dende logo, tan bonito non quedou, pero este tipo de erros poden suceder cando o experimento é tan arriscado coma este.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2018 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal