Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XX Aniversario da Cova Céltica
Dende hai 20 anos, gozamos na Coruña dun pub folk ben interesante, chamado a Cova Céltica. Montárono daquela dous dos integrantes de Luar na Lubre, Bieito Romero e Patxi Bermúdez. E xa era o terceira que abrían, despois de a mítica Cova Folk e a Casa da Lubre.

Eran finais dos 90, o boom do folk galego, Luar na lubre eran moi famosos porque xa coñeceran a Mike Olfield, e na Coruña (e supoño que noutros sitios tamén, claro) había moitos pubs folk que alegraban a vida dos seus siareiros, como min.

Aquela burbulla desinflouse algo ou bastante, é dicir, o mesmo que pasou coa do heavy, o punk, e moitas outras, aquelas tribus urbanas foron devoradas pola xente convencional actual que xa non se sabe moi ben que lle gusta nin a onde vai, pero que parece estar dominada pola pijería e o reggaeton.

O caso é que a Cova Céltica segue sobrevivindo, no mesmo sitio no que estivo sempre, e decidiron facer a fin de festa nun local algo máis grande, o Garufa Club. E a festa foi hai poucos días.

En varias ocasións tocaron a foliada o grupo dos Noventa, que son algúns dos propietarios e visitantes asiduos do local. Amenizaron a festa ao comezo, final e entre as dúas actuacións. O primeiro grupo que actuou foi Samarúas e o segundo foi Davide Salvado con Pedro Pascual. De mestres de ceremonias oficiaron Xurxo Souto (principalmente) e Sofía de Labañou.

Tiña moitas ganas de ver a Samarúas. Algún dos músicos é colega, apunta boas maneiras, e xa os vira actuar hai un par de anos na biblioteca da Sagrada Familia. Pero esta vez xa non me gustou tanto. Non sei que pasa, pero non termina de arrancar, moitas das súas cancións non me din nada, son máis ben tirando a lentas e non me transmiten nada moi interesante. A cantante só cantas nalgúns dos temas, toca a pandeireta de cando en vez, pero máis ben pouco e non semella ser demasiado virtuosa. Non ten mala voz (pero tampouco é a mellor que escoitei, nin moito menos), pero ten unha forma de cantar que non me convence, e ademais é bastante inexpresiva, e tendo en conta o lugar que ocupa no grupo e a visibilidade que lle ofrece o seu posto, non é unha cualidade positiva, obviamente.

En canto a Davide Salvado e Pedro Pascual, o xa sabido. Davide ten unha voz flipante, resulta moi simpático presentando os temas e interactuando con Pedro e co público, e Pedro é un virtuoso con varios instrumentos, así que a combinación queda fantástica. Agora ben, só unha voz e un instrumento (aínda que este cambia algo de cando en vez) é pouca cousa, e o concerto acaba quedando algo monótono.

Saúdos.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2018 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal