A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Como cada Nadal alterno, toca pasar por caixa para ver a nova entrega de Star Wars (só queda 1 da historia xeral, pero seguro que o estiran por algures, e algúns spin-off que se inventarán).
Nesta ocasión era "Os últimos Jedi", no que Rey (a nova heroína da saga) atopa a Luke Skywalker nunha illa remota, e fala con el sobre a fin dos Jedi, se se une a eles contra o imperio, e cousas similares.
En paralelo a esa historia, o resto da resistencia está escapando porque o Imperio, liderado por Snoke, ten intención de exterminalos.
As dúas historias van confluíndo e a cousa remata en que os poucos da resistencia que quedan vivos, seguen escapando para a batalla final que terá lugar na seguinte película, suponse.
Esta saga ten tantos fanáticos e tanta tontería ao seu redor, que eu xa paso de verter opinións sobre a mesma. De momento, aínda me segue entretendo, e paréceme que as películas son bastante dignas e pasables. Non me vou meter se son máis fieis ás orixinais, se non deberían selo, se as personaxes non sei que ou non sei canto. O que está claro é que os vellos actores van caendo como moscas (algúns incluso na vida real, como Carrie Fisher) e que a seguinte entrega será a final... ou non.