Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Baleeiros na Galiza (séculos XIII ao XX)

Despois do tochazo sobre os piratas dos séculos XVI e XVII que me lin anteriormente, boteille peito e atrevinme con outro tochazo sobre a actividade baleeira na Galiza. Os dous foron editados en torno aos anos 2010-2011 pola Fundación Barrié e tragueime un despois do outro. Era época de retos ambiciosos.

Este libro é a publicación da tese sobre o tema que realizou Felipe Valdés Hansen (de orixe galego e noruego, se non me equivoco). Esta temática pareceume moi interesante e esta persoa parece saber moito sobre o tema, porque casualmente as súas orixes familiares teñen que ver con dúas das maiores potencias baleeiras.

A verdade é que resultou algo máis ameno de ler do que eu esperaba. O estudo era tan completo e afrontaba tantas perspectivas diferentes do problema, que resultou menos monótono e árido do que podería semellar a primeira vista. Podería estar horas dicindo todas as cousas que aprendín lendo este libro, pero intentarei resumilas brevemente.

En primeiro lugar, hai que deixar claro que a actividade baleeira na Galiza estivo dividida en dúas épocas moi claras:

- A primeira, que comeza lentamente a finais da Baixa Idade Media (comeza a haber algún documento do século XIII) e dura ata comezos do século XVIII, sendo os séculos XVI e XVII os máis importantes.

- A segunda, que comeza nos anos 20 cuns noruegos que estiveron varios anos traballando por aquí, e que se reanuda nos anos 50, ata os anos 80, en que España apoia a moratoria definitiva da pesca-caza da balea.

Na primeira época, de séculos anteriores, as dúas zonas principais de Galiza onde se traballaban a balea eran A Costa da Morte e a Costa Cantábrica de Lugo. Na primeira destacaban Malpica e Caión, aínda que tamén se fixo algo en Camelle, Langosteira e Priorio. Na segunda destacaron Bares e San Cibrao, aínda que tamén houbo algo de actividade en Burela, Portocelo, Morás, Nois, Portovello, Cangas de Foz, Rego de Foz e Rinlo.

Na segunda época, que abrangueu unhas décadas do século XX, só se traballou en tres portos. Morás, na costa de Lugo, foi o único que sobreviviu da época anterior. E xusto despois de rematar con esa actividade, instalouse alí a mega-factoría de Alúmina Aluminio. A factoría máis importante foi a de Caneliñas (Cee) moi cerca do Ézaro e o Monte Pindo, que os noruegos acondicionaron nos anos 20 e que se utilizou ata os 80. E a outra, de menos importancia, foi en Punta Balea, en Cangas.

Obviamente, que o libro me parecera interesante, non quere dicir que estea a favor desta actividade, e que non me pareza unha salvaxada o que facían coas baleas. Dada a grandísima escasez destas especies e a lentísima recuperación do seu número, espero que esta actividade non se reanude nunca. Porque xa sabemos que unha das especialidades da especie humana é a terrible capacidade para exterminar a todas as demais.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-12-2017 13:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Un petit pour vous dire q#blgtk08#ue votre blog est super!
Comentario por voyance par mail gratuite (05-01-2018 10:36)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal