Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ultimátum á Terra
A última película do ciclo que a Agrupación Astronómica Ío estivo facendo estas últimas semanas no Fórum Metropolitano foi "Ultimátum á Terra". Pero foi a versión orixinal, do ano 1951 e dirixida por Robert Wise. Non é a nova versión do ano 2008, protagonizada por Keanu Reeves (que eu descoñecía por completo, a miña ignorancia cinéfila é galopante).

O máis coñecido desta película debe ser o director probablemente, porque os actores e actrices non me soaban absolutamente de nada. Robert Wise ten unha traxectoria longa e sólida, pero seguramente é lembrado por películas como "West Side Story" e "Sorrisos e bágoas". Esta que vimos nós é das súas películas máis coñecidas, supostamente, pero a min non me soaba, recoñézoo.

Tamén podemos comentar algo do título orixinal e a tradución ao español, sempre controvertida. O título orixinal en inglés é "The day the Earth stood still" (que poderíamos traducir como "O día que a Terra se detivo"). Dende logo, nada que ver con "Ultimátum á Terra". Pero o máis curioso é que esta tradución española-galega é moito máis fiel á trama do film que a orixinal. Hai un momento na película, dos máis importantes, pero que só dura un par de minutos, no que se para case toda a actividade enerxética da Terra para demostrar o poderío tecnolóxico dos visitantes. Pero o certo é que os visitantes veñen para darlle un ultimátum á Terra, iso é indiscutible, e toda a película trata diso.

Imos xa coa trama. Un platillo voante que trae a uns visitantes doutro planeta, aterriza nun céntrico parque en Washington. Non é unha avería, nin nada parecido, senón unha visita para comunicar unha importante noticia.

Os únicos ocupantes da nave son un extraterrestre con corpo similar aos humanos, chamado Klaatu, que se expresa en perfecto inglés (na película din que captan as emisións de radio da Terra, e que grazas a iso entenden e falan todos os nosos idiomas, que listiños que son) e un impoñente robot metálico chamado Gort que semella simplemente indestrutible.

Pero como era previsible, os corpos de seguridade americanos son incapaces de asumir que alguén así pode vir en son de paz (como é o caso) e reciben a Klaatu cun disparo nun ombreiro. Tamén intentan facer o mesmo con Gort, pero el pulveriza todas as súas armas cuns raios que saen da súa cabeza.

Levan a Klaatu a un hospital para intentar curalo, e obviamente faino axiña grazas a un remedio que el mesmo trae. E como ve que non van ser moi amistosos con el, escapa do hospital e alóxase nunha pensión (lembrade que a súa apariencia é totalmente humana e fala perfectamente inglés, así que pasa totalmente desapercibido). Faino para ir coñecendo á poboación do planeta e coñecela mellor, xa que a súa introdución no mesmo non está sendo moi fluída.

Intenta convocar unha conferencia científica mundial coa axuda dun profesor da Universidade (porque comproba que xuntar aos políticos do mundo en Washington vai ser imposible) para transmitirlles a mensaxe principal que trae: os humanos estamos comezando a utilizar a enerxía atómica para fins bélicos e está comezando a escapar das nosas mans. Eles xa aprenderon a dominala (a súa capacidade para visitar outros planetas baséase niso) pero están vendo claramente que nós non. Se non paramos de xogar coa enerxía nuclear, veranse obrigados a destruír a Terra (iso si que é un ultimátum).

Hai que ter en conta que a película é ao comezo da Guerra Fría, poucos anos despois de que se botaran as dúas primeiras (e ata agora últimas, por sorte) bombas atómicas. Así que claramente era unha película de corte pacifista e antinuclear, que seguramente era unha mensaxe moi benvida na época.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2017 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal