Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Leon Morin, sacerdote
Achegábase o Nadal, tiña algo máis de tempo libre, e tiña que saldar contas co CGAI, a fantástica sala da Filmoteca de Galicia que temos na Coruña, porque había meses que non a pisaba. Certo é que non vin na programación nada que me chamara especialmente a atención, pero en calquera caso, sempre é unha garantía e case podes ir a cegas, que seguramente verás algo interesante alí.

E nas datas nas que eu me puiden achegar por alí, botaban un ciclo que conmemoraba o centenario do nacemento dun director francés chamado Jean Pierre Melville, do que non oíra falar na miña vida. Pero sendo películas dos anos 60 e 70, e sendo cine francés, pensei que habería que darlle unha oportunidade.

A primeira das tres películas que vin del en poucos días foi a que menos me gustou. Titúlase "Léon Morin, sacerdote" e está protagonizada por un xoven Jean-Paul Belmondo e Emmanuelle Riva (que tamén protagonizou "Hiroshima mon amour").

A cidade francesa na que viven está ocupada polas tropas alemás e italianas (penso que está ambientada no tramo final da II Guerra Mundial). A muller traballa nunha oficina na que hai certa tensión porque hai xente que quere ser colaboracionista e outra que quere ser da resistencia. E a protagonista está namorada da súa xefa, unha rapaza nova e moi fermosa, na que ve a perfección. Ademais de todo isto, a protagonista ten tendencias comunistas.

Case como un xogo, vaise confesar a unha igrexa cercana, para provocar ao sacerdote co seu ateísmo e intentar enchelo de contradicións. Pero pensaba que lle ía tocar un cura vello e fanático, que ía caer na súa provocación. Pero pola contra, atópase cun cura novo e fermoso, de mente moi aberta e moi poderoso intelectualmente. E resulta que a atrapada é ela, que incluso acaba namorando do seu confesor, aínda que el non lle corresponde en absoluto.

Como vedes, a trama non está mal e resulta suxerente, e a película é bastante interesante. Pero ao final acaba facéndose algo pesada, e os densos debates filosófico-teolóxicos acaban pasándose un pouco de frenada (na miña humilde opinión). Ou sexa, que a idea non está nada mal, pero acaba resultando algo cargante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2017 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal