Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A fábrica de nada
Hai uns días, o Teatro Colón da Coruña anunciaba que ía poder verse a película que levou o Premio do Público na última edición do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela.

Pero na web do Teatro non dicía nada máis. Algúns intentamos documentarnos para saber que íamos ver, por se acaso. Eu e varias persoas máis que coñezo atopamos que a película ganadora dese premio era "L'insulte", creo que libanesa. Pero chegamos ao Teatro e alí dixéronos que a película que íamos ver (e supoño que a ganadora finalmente, pero non sei por que hai esa confusión informativa) era "A fábrica de nada", película do director portugués Pedro Pinho deste mesmo ano.

Ben, na folla informativa previa xa poñía que a película duraba 3 horas (non é a mellor forma de empezar, se cadra). Aquela folla tamén dicía que a película trataba dunha fábrica que, por isto da crise e da deslocalización neoliberal, comezaba a ser desmantelada polos seus propios propietarios, e os traballadores comezaban a pecharse nela e a presionar aos propietarios para impedilo. E tamén mencionaba algo de que contaba todo isto en forma de musical. Dende logo, a cousa parecía pouco convencional.

Non podemos negar que a historia está ben e é bastante orixinal. E moi interesante que se fale deste tipo de cousas. Que se fale tamén da posibilidade de que os empregados dunha empresa se fagan coa propiedade da mesma para sacala adiante en forma de cooperativa é máis que interesante. E en xeral creo que isto é o máis salvable da película, e non é pouco.

Pero tres horas son excesivas para contar isto. Hai partes da película e escenas que están bastante ben. Pero hai outras que son bastante absurdas ou insufribles. E iso de que é un musical é bastante gracioso. Hai un par de escenas ao final, que non duran máis de 2-3 minutos, que son de tipo musical. Resultan moi simpáticas, pero nada máis. Está de máis dicir que as voces e as coreografías son moi mellorables, pero tampouco se podía esixir demasiado.

Hai unha escena que dura uns 10-15 minutos que ten só unha certa relación co resto do film, no que un grupo de persoas están comendo e charlando ao redor dunha mesa e falando sobre o capitalismo. Por algunha razón que descoñezo, algunhas das persoas falan en portugués e outras fano en francés. A maioría das persoas que aparecen nesa escena non aparecen en ningún outro momento da película, así que non se sabe moi ben quen son. E en tres horas xa podedes imaxinar as cousas deste tipo que aparecen.

En definitiva, idea bastante boa pero bastante mal levada á práctica, que dá como resultado unha película bastante longa e pesada. Algún crítico de cine dirá que este é o vangardista Novo Cinema Portugués. Así nos vai!!!

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2017 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal