Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Soñan os androides con ovellas eléctricas?
Por fin o conseguín!!! Este é o título da novela que en 1968 publicou Philip K. Dick e na que se baseou a famosa película "Blade Runner" de 1982. Curiosamente, acabo de ler que "Blade Runner 2049" tamén está baseada nela.

O interesante é que hai dúas semanas vin, en pantalla grande, versión orixinal, cronoloxicamente e en días consecutivos, as dúas películas. Obviamente, a antiga xa a vira varias veces, pero hai tempo e apenas lembraba nada. Todo iso xa o contei nos artigos que escribín hai pouco tempo neste mesmo blog.

Esta novela xa a lin hai algún tempo, como 6-7 anos facilmente. Cando o fixen, intentei (pero sen matarme tampouco) ver de novo a única película que estaba feita naquel momento, para comparalas, porque a min soábame que eran bastante diferentes. Pero non me foi posible.

Pero esta ocasión non podía deixala escapar. Aproveitando que estrearon a segunda, botaron tamén a primeira nos cines (os nostálxicos picamos), e esta vez fixen o esforzo por volver ler a novela, que no seu momento xa me gustara. E devoreina esta tarde, non é moi longa e en cinco horas foi perfectamente factible.

E agora, mentres a teño fresca na cabeza, teño que dicir que atopei moitas diferenzas. Está claro que o tema é similar, un policía "cazador de bonificacións" (blade runner), un sobresoldo por retirar a androides excesivamente intelixentes que se rebelaron en Marte e que están causando bastantes problemas.

Vou intentar poñer aquí e agora todas as diferenzas que lembro con respecto á película. Certo é que estouna comparando coa primeira película, porque acabo de flipar bastante cando lin que a segunda, supostamente, tamén estaba baseada nela. Como non sexa o feito da atmósfera chea de pó radiactivo do que hai que protexerse, e algún detalle máis, o resto non se parece nin por asomo. Entre a primeira película e a novela si que hai moitas máis similitudes.

Diferenzas principais que atopei:

- Na novela, Rick Deckard está casado. Certo é que a muller non aparece moito, e é un personaxe que está case sempre deprimido e desganado, sen saír da casa, pero creo que na película non existe, e supoño que iso abre a perspectiva de que Deckard se vaia ao final con Rachel. Na novela, nalgún momento cerca do final parece que pode tomar ese rumbo, pero dura moi pouco e queda totalmente descartado.

- Creo que na película se resalta moito o feito de que os androides da serie Nexus-6 teñen unha caducidade de 4 anos, e que están intentando atopar aos seus deseñadores (da corporación Tyrell) para ver se iso pode cambiarse. Na novela, ese tema dos catro anos de caducidade só sae nun encontro íntimo entre Deckard e Rachel nun hotel, cando se plantexan a posibilidade de irse xuntos. Pero insisto, apenas dura nada. No resto da novela non se fala absolutamente nada diso. Os androides rebélanse, pero esa non parece ser a razón principal, porque non se menciona nunca.

- Se non lembro mal, na película aparecen 4 ou 5 androides Nexus-6. Na novela menciónanse 8, aínda que 2 foron retirados por outros axentes. Deckard cárgase aos outros 6 nun só día, récord total.

- A historia deses androides é algo parecida á que sal na película, ou non. Por exemplo, Max (non lembro se na película se chamaba así) faise pasar por policía ruso, e achégase a Deckard para atacalo, que reacciona a tempo, e mátao. Se non lembro mal, na película mátao Rachel, cando xa estaba a piques de acabar con Deckard.

- Se non lembro mal, Luba na película actuaba nun cabaret ou algo así, cunha serpe eléctrica ao redor do pescozo. Deckard vai interrogala ao camerino, loitan, ela escapa, e el consegue matala na escapada. Na novela, é moito máis complicado. En primeiro lugar, ela é cantante de ópera. Vai a vela a un ensaio, vai ao seu camerino a interrogala, e como ela se sente acosada, chama á policía. Aparece un policía que non coñece a Deckard, contrasta os datos, e leva a éste arrestado a unha comisaría que el non coñecía (eu flipando a estas alturas). E cando está alí, coincide con outro "blade runner" ao que aínda non coñecía, e entre os dous matan ao xefe da comisaría, que resultou ser outro dos androides. Despois volven a por Luba, e mátaa o outro "blade runner", pero por razóns que non veñen ao caso, cóntase no marcador de Deckard.

- E o máis flipante é o final da novela. Lembraredes que na película, é moi interesante a escena final naquel apartamento daquel inmenso edificio baleiro, na que se enfronta a Pris e Roy Batty. Mata a Pris cunha certa facilidade pero desfacerse de Roy Batty cústalle moito máis. Tanto, que é Roy quen lle salva a vida a el, cando non tiña necesidade, e fai o seu alegato final tan lembrado. Pois na novela, primeiro, non son dous androides os que quedan, senón que son tres, tamén está a muller de Roy, que se chama Irmgard. E mata aos tres con total facilidade, pégalle un tiro a cada un, que amosan bastante pouca intelixencia e case non ofrecen resistencia. Que diferenza coa película!!!

- Máis cousas curiosas. Todo este final ten lugar no apartamento daquel tipo raro e excéntrico, que na película traballaba en Tyrell e consegue levalos ata o despacho do fundador da corporación, a onde suben Pris e Batty para intentar conseguir que lles prolongue a vida. Na novela, este tipo traballa cun veterinario de animais eléctricos, que son as mascotas que moita xente quere. Non existe a corporación Tyrell, senón a Rosen, e están algo preocupados pola calidade da súa serie Nexus-6, pero para facela mellor a próxima vez. Como xa dixen, os androides non van ata a sede da empresa nin manifestan o máis mínimo interese.

- E a cousa que eu máis lembraba da novela, incluso anos despois, é que a máxima ilusión de todas as persoas era aforrar o suficiente como para conseguir mercar un animal real (case todos están practicamente extinguidos) e non conformarse cun eléctrico. A ilusión de Deckard é cambiar a súa ovella eléctrica por unha de verdade. Se consegue matar a todos estes androides, o sobresoldo podería permitirllo. É unha motivación clarísima do personaxe, pero na película pasaron totalmente dela. Na novela, el ao final consegue mercar unha cabra, pero despois de deitarse con Rachel e non marchar con ela, Rachel vai á súa casa e mátaa tirando da terraza abaixo.

- Outra cousa que tamén ten moita importancia na novela é o sistema filosófico-relixioso. Moita xente segue unha relixión chamada "mercerismo" ao redor do líder Wilson Mercer. E todo o mundo ten unha televisión onde se ve ao Amigo Buster, que é un líder de opinión no que todo o mundo cre. E na parte final, Buster (que supostamente é un androide) descubre nun programa con moita audiencia que o "mercerismo" é unha fraude. E iso podería causar un conflito entre humanos e robots, de novo polo tema da empatía. E na película non sae para nada, pero iso podería ser moi difícil de reflexar en imaxes, supoño.

E seguro que esquezo algunhas cousas, pero penso que nunca máis poderei facer unha análise tan exhaustiva como esta, porque teño todas as obras bastante frescas na cabeza.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2017 23:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal