Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Big Van Monólogos Científicos
Polo visto, hai un grupo de científicos xóvenes españois (relativamente numeroso, parece), que teñen un espectáculo itinerante titulado "Big Van: Científicos sobre Rodas" que van movendo por aí.

Digo o de relativamente numeroso porque, para ilustrar este artigo, acabo de atopar este vídeo dunha actuación súa nun congreso universitario en Arxentina, e como mínimo, hai dous que non actuaron o outro día na Coruña. E ademais, o que fixo de presentador e fío condutor en Coruña, en Arxentina facía un papel máis secundario. Ou sexa que teñen fondo de banquillo, e bastante versátil.

En primeiro lugar, direi que a min o dos monólogos non me chama demasiado a atención. Todo o que vin pola televisión e Internet dese xénero paréceme moi mediocre. Como xa dixen aquí máis veces, a min o que me gusta son os contacontos, que en Galicia hai algúns (cada vez menos) e tamén o hai nalgúns países sudamericanos e doutras latitudes. Pero os monólogos parécenme moi pouco divertidos e atraentes.

Pero claro, tratándose de tema científico, decidín darlle unha oportunidade. O espectáculo é bastante dinámico. Hai un deles que fai de presentador dos demais e actúa de último. Os outros van saíndo e actuando sós segundo os chama o presentador, durante un rato. E ao final saen todos xuntos e resolven as dúbidas do público durante un pedazo. O espectáculo durou en total 1 hora e 45 minutos.

Foi no auditorio de AFundación nos Cantóns da Coruña, ao que últimamente fun varias veces, e que non me desagrada, no segundo ou terceiro soto. Moi barato non foi, pero ata o último momento non puiden asegurar a miña presenza, e por esa razón estiven no anfiteatro da planta superior, onde non estivera nunca.

O que facía de presentador era catalán (fixo varios chistes sobre o tema), chamábase Oriol, e acabou dicindo que era químico. Iso comentouno ao final, despois da súa actuación, porque antes diso dinamizou moi ben ao público e foi dando entrada aos seus compañeiros.

A segunda foi Patricia, enxeñeira burgalesa, que falou sobre paleontoloxía, aproveitando que Atapuerca é un dos mellores xacementos do mundo nesa disciplina. Saíu cunha réplica dun fémur bastante grande, coa que aproveitou para facer chistes soeces sobre o "homo erectus". Non me fixo demasiada graza.

O terceiro foi o que máis me gustou. Non era demasiado gracioso, pero explicou o seu tema dun xeito bastante ameno. Chamábase Daniel e é sismólogo (se dixo de onde era, non o lembro). Subiu a non sei cantas persoas ao escenario, e a outras colocounas por deiferentes lugares da platea, para explicar que pasaba cando había un terremoto, e por que ás veces as alarmas sísmicas non avisaban a tempo. Curioso.

A última era Ana, zamorana, e dedícase ao estudio das gaivotas en Baleares. Contou que era bastante complicado facer estudios con especies tan móbiles e ás veces agresivas como a que lle tocou a ela. Non me fixo demasiada gracia, pero tivo momentos moi bos.

E ao final saíron todos xuntos a resolver as dúbidas do público, e hai que recoñecer que tiñan bastante cintura e que "sabían devolver todas as bolas". Aínda que lles preguntaran por cousas de tipo xeral ou de disciplinas que non foran as da súa especialidade, respondían de forma razonable e non parecían dicir tonterías sen sentido.

En definitiva, que en xeral, o espectáculo non me fixo moita graza (xa sospeitaba que ía ser así, lembrade o que penso dos monólogos), pero a presentación dalgunhas temáticas pareceume moi interesante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2017 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal