A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Estes días saldei unha especie de "débeda". Hai xa máis de 40 anos rodouse unha exitosa película que foi seguida por unha saga doutras catro, que todo o mundo viu. Pero eu non o fixera, e aproveitando que un día destes unha cadea de televisión emitiu as cinco películas seguidas, eu animeime a ver a primeira, que dá título á saga: "Rocky".
Escoitáralle a bastante xente con criterio que a primeira era bastante salvable, e que nela, o protagonista principal, representado por Sylvester Stallone, o facía bastante ben. De feito, en varios foros de cine, a nota xeral que lle pon o público ou críticos anda entre o 7 e o 8.
Eu vina, e pareceume nefasta. Se cadra envelleceu mal, que lle pasa a moitas, pero pareceume un pestiño:
- Sylvester Stallone non me gustou na súa actuación. Ou é tonto e aparvado (que tampouco debe descartarse) ou é mal actor, pero a verdade, non é boa elección ningunha das dúas.
- O que estaba claro é que non me ía gustar nada por tratar sobre o boxeo, que é un "deporte" que non me interesa o máis mínimo. E esa épica dos supostos fracasados e da decadencia dese entorno tampouco me chama nada a atención, así que ese fracaso eu xa o tiña garantido.
- O resto de actores tampouco me gustou demasiado, por razóns parecidas ás de Stallone.
- Polo visto, agora utilízanse fragmentos da película como ilustración para a motivación, como nos novos libros de auto-axuda. A verdade, vendo a película, eu non o vin nada claro, nin me motivou o máis mínimo. Son unha serie de personaxes bastante mediocres con intereses bastante mesquiños que non me emocionaron nada.
- Tamén parece ser un alegato sobre o soño americano, pero do máis cutre. Resulta que o campión do mundo de pesos pesados de boxeo, Apollo Creed, ía defender o seu título en Philadelphia. Pero o seu contrincante lesiónase e intentan buscar un novo contrincante. Como ninguén está dispoñible, non se lles ocorre mellor idea que ofrecerlle a posibilidade de enfrontarse ao campión do mundo a un novo valor emerxente da cidade. E nunha especie de catálogo escollen a Rocky Balboa, o "potro italiano", porque o nome resulta moi comercial, cando o tipo peleaba por cartos e non tiña a máis mínima intención de dedicarse ao boxeo (tiña un traballo como cobrador de débedas dun mafioso prestamista local). Ou sexa, unha historia que non a cre ninguén, aínda que nese país de chalados, calquera sabe...
En definitiva, insufrible. Agora xa pasei o sarampelo, pero sei do que estou falando. Unha máis das moitas "xoias" do cine americano para intentar estender a súa "cultura" e os seus "valores" tan mediocres.