Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho visita Amsterdam e outros lugares de Holanda

Si, o nome é correcto. O nome do estado é Países Baixos, pero nós visitamos algunhas das zonas máis coñecidas, e casualmente todas pertencen ás rexións coñecidas como Holanda Setentrional e Holanda Meridional, así que dixen ben: Holanda.

Obviamente, a base estaba en Amsterdam, capital do país (pero non sede do goberno, que está en Den Haag, A Haia, ou como se diga en galego, que non o teño nada claro). Estivemos aloxados no Hotel Espresso, cerca da zona dos museos. Pasamos 4 días e medio dos nosos 6 días completos de estancia na capital, pero fixemos un par de interesantes excursións. O día da chegada puidemos dar un primeiro paseo á cidade dende media tarde. O día da marcha xa non puidemos facer nada. O programa de visitas foi o seguinte:

- Día 1: Visitamos o Rijksmuseum. Eu pensaba que era un museo total ou principalmente de pintura, pero non, é máis xeral, como o Museo Británico ou o Louvre. Non hai arqueoloxía, pero si hai naval, xoias, roupa, mobles, louza, etc. O que máis destaca é a pintura flamenca, pero hai máis cousas. Estivemos ata que nos botaron a todos ás 5 da tarde. E tristemente, facía moi mal día e case todos os museos ou atraccións pechaban case á mesma hora, así que esa parte final do día ficou algo perdida.

- Día 2: Tiñamos intención de ver o museo Van Gogh, pero como a cola era insufrible, deixámolo para máis adiante. Así que nos puxemos a visitar a cidade, que facía mellor día. Visitamos a praza dos museos, o Vondelpark, a zona da praza Leidseplein, a fábrica de Heineken (moi recomendable), subimos pola beira do río Amstel cara ao centro, fomos polo barrio xudeu, visitamos algo do leste da cidade ata o muíño De Gooyer (o máis céntrico e que ten unha magnífica cervexería no baixo), pasamos polo Museo Marítimos e o Museo NEMO para chegar á Estación Central. Un grande paseo.

- Día 3: Este día completamos a visita do resto da cidade, que era case o máis importante. Visitamos cousas no sur e no oeste que estaban entre os tres canais concéntricos que rodean o centro. Visitamos o histórico casco vello, a zona do barrio roxo e o chinés. Unha das visitas que máis nos sorprendeu foi a igrexa de Noso Señor no Ático, igrexa clandestina que ocupaba os últimos andares dunha casa normal. Durante varios séculos, a tolerancia habitual en Amsterdam permitía que cada un rendera o seu culto relixioso na súa casa, con tal de que os templos nos se viran dende fóra, e iso deu lugar a arquitecturas incribles.

- Día 4: Este foi un dos días que saímos, á Gran Holanda, ou sexa, á Holanda do Sur. Primeiro fomos a Rotterdam. Paramos no centro, entre as Casas Cúbicas e o impresionante Markthal. E despois subimos á Torre Euromast, de máis de 100 metros de altura, dende a que se teñen unhas magníficas vistas do centro e do impresionante porto de Rotterdam. Despois visitamos a tranquila e moi fermosa vila medieval de Delft (de onde era Vermeer), e tamén a fábrica da súa afamada cerámica azul (similar á de Sargadelos). E rematamos dando un pequeno tour no bus por Den Haag (mágoa que non puidéramos parar máis), e rematamos en Madurodam, un parque temático con maquetas dos principais edificios dos Países Baixos.

- Día 5: Démoslle un grande repaso á cidade visitando algúns monumentos que se nos escaparan nos días anteriores. E pola tarde visitamos o Museo Van Gogh, no que conseguimos entrar sen ter que aturar ningunha cola. O museo está moi ben, outra cousa é o que se opine sobre a obra deste controvertido autor.

- Día 6: Pola mañá cruzamos no ferry gratuíto ao norte de Amsterdam, para dar un paseíño por alí. E despois demos unha volta nun dos típicos cruceiros polos canais. Ao mediodía collemos o bus para a nosa segunda excursión, á Vella e Rural Holanda. Primeiro fomos a Zaanse Schans, para ver os seus impresionantes muíños de vento, e explicáronos como funcionaba un deles. Despois fomos ao fermoso pobo pesqueiro de Marken, e un xoven zoqueiro explicounos como se fan os zocos típicos holandeses. E nun barco cruzamos á fermosa e tranquila Volendam, onde nos explicaron como se fai o queixo da zona.

Como vedes, a semana non estivo nada mal. Como mágoa, non puidemos visitar a Casa de Anna Frank. Non collemos e era difícil as entradas con antelación, e a cola das entradas no momento tamén era insufrible. Que lle imos facer!!! Pero polo demais, penso que foi unha visita redonda.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 18-08-2017 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal