Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho fai sendeirismo na Fonsagrada

A nosa saída anual veraniega para facer sendeirismo este ano foi a Fonsagrada. A parte de ser unha zona montañosa de Galicia que apenas coñeciamos, permitiríanos saldar algunha débeda que tiñamos co concello asturiano de Ibias, onde estivemos hai un par de anos.

Aloxámonos nun dos poucos hostais que hai en Fonsagrada, que está moi orientada aos albergues porque por alí pasa o Camiño Primitivo de Santiago. E aqueles días coincidiu que había na vila o VI Concurso de Tapas. Pensamos que sería un evento menor ou secuendario pero polas noites estaba de bote en bote. A nosa última noite, que xa rematara o concurso, parecía unha vila deserta.

O programa de excursións foi o seguinte:

- Día 1: Pola mañá achegámonos, instalámonos, informámonos na oficina de turismo e visitamos o Museo Etnográfico. Despois de xantar fixemos tres pequenas rutas ou visitas, sinxelas e que eran cerca da capital do concello. A primeira foi visitar a Seimeira (é como lle chaman por alí ás fervenzas) de Vilagocende. Ten uns 40-50 metros de altura, pero este ano leva moita menos auga que outros anos, pola sequía. Despois intentamos facer as pequenas rutas da Porteliña e de Vilarín, pero os camiños están cegados e deben estar desatendidas.

- Día 2: Saldamos a nosa débeda con Ibias. Fixemos a famosa ruta do Desfiladeiro de Bustelín. Comeza na aldea de Ríodeporcos, á que só se pode chegar dende Fonsagrada, collendo unha pista de terra e aparcando do outro lado do encoro do Navia, e alí cruzando por unha ponte peonil (espectacular comezo, non se pode negar). A ruta está moi ben e é algo complicada cando hai chuvia e humidade, pero obviamente non era o caso.

- Día 3: Como a ruta anterior foi algo dura, tiñamos a idea de que este día fora máis suave, pero fóisenos a man. Pola mañá fixemos un fragmento dunha interesante ruta dende a Ponte de Villabol á Ferrería de Vilar de Cuíña, vendo ancorados os ríos Suarna e Navia. Foi bonita e sinxela. E como nos vimos animados, pola tarde fixemos a ruta de Castañoso, que nos recomendaran moito, sobre todo polo Castro de Castañoso, que están escavando nos últimos anos. Esta ruta era algo máis dura do que dicían, non estaba moi ben indicada, e algún tramo era ben revirado e cansino. Pero hai que recoñecer que o Castro de Castañoso é ben espectacular.

- Día 4: Neste día tiñamos previsto facer algunha das rutas que partían de Vilardíaz. Pero como resulta que compartían un tramo, tivemos a brillante idea de facer as dúas, excluíndo xusto o tramo inicial que compartían. A primeira, que dicían que era máis dura e longa, non o resultou tanto, e ver o impresionante Castro do Castelo valeu a pena. Despois de xantar, fixemos a ruta de Pena Guímara, que resultou bastante dura porque percorría as fouces do río Veiga de Logares case a pé de río. Acabamos mallados porque xa levabamos tres días seguidos dándolle moita caña.

- Día 5: Marchamos de Fonsagrada facendo unha sinxela ruta chamada dos Pintores que pasaba por Allonca e Allonquiña. Despois baixamos á Pontenova para xantar e descansar un pouco e voltamos para casa.

Unha nova xeira de sendeirismo polas montañas de Galicia que nos deixou moi cansos, e durante as que moitas veces te preguntas por que non estarás no sofá da casa vendo a televisión. Pero ao final o esforzo compensa, vense cousas marabillosas e recárganse as pilas nucleares.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-08-2017 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal