Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O castelo
Acabo de ler un destes novelóns de tema medieval de case 700 páxinas que só me podo permitir no verán ou no Nadal. Titúlase "O castelo" e foi escrito por Luis Zueco, que semella ser un historiador experto no tema.

Cando oín falar del, non dubidei en mercalo (hai xa varios anos), porque o principal da trama xira en torno a un monumento abraiante que visitei hai algún tempo e que lembro con agrado: a construción do castelo de Loarre.

O castelo de Loarre está na provincia de Huesca, na súa parte media, máis ou menos no punto onde remata a cordilleira dos Pirineos e comeza a chaira aragonesa. É xigantesco, ten unha igrexa monumental no seu interior, e está bastante ben conservado (creo que foi así porque apenas entrou en liza na coñecida como Reconquista).

Segundo a novela e a historia, mandouno construír o rei de Pamplona Sancho III, que era posuídor de extensos dominios no nordeste da península Ibérica a comezos do século XI. A súa idea era que este novo castelo fora a punta de lanza da reconquista contra os musulmáns, que tiñan varias prazas fortes na zona, como Huesca e Zaragoza.

Pero claro, xa sabedes que a vida dos reis e das súas familias e cortesanos naquela época era moi azarosa, e durante a prolongada construción desta fortaleza deu tempo a que pasaran moitas cousas.

A principal é que o seu fillo maior, pero fillastro, porque foi antes do seu matrimonio (no que tivo tres fillos máis, entre os que dividiu o seu reino á súa morte), chamado Ramiro, foille concedido o título de conde, pero pouco despois conseguiu o título de rei, Ramiro I, e así comezou o Reino de Aragón.

Iso foi así porque negociou con Roma, que xusto naquel intre estaba intentando introducir o novo rito romano na liturxia cristiá da península ibérica (estaban moi contentos co rito da igrexa visigótica toledana), coa axuda dos monxes de Cluny e o Camiño de Santiago. Entón apoiou a idea de facer este gran castelo de Loarre que comezara o seu pai, e tamén trasladou a capital do seu novo reino a Jaca, por onde pasaría un ramal do Camiño Xacobeo. Xa vedes vaia lío político tiñan nesa zona no século XI.

Por medio duns personaxes de ficción máis ou menos ben novelados, e unha trama interesante, vainos falando dos aproximadamente 60 anos que durou a construción deste castelo. Se non estivestes nel e tedes a oportunidade, non o deixedes escapar.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-07-2017 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal