Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O secreto de Thomas Crown
O outro día vin pola televisión a película "O secreto de Thomas Crown". Pero polo visto, teño que aclarar que é a versión de 1999 dirixida por John McTiernan e protagonizada por Pierce Brosnan e René Russo. Houbo outra anterior, de 1968, na que actuaban Steve McQueen e Faye Dunaway (que casualmente nesta segunda versión facía o papel de psicóloga do protagonista). Non hai xa que dicir que todos os críticos de cine que a primeira era a mellor e que esta sobraba. Como eu só vin esta...

O caso é que resulta unha película interesante, a trama é máis ou menos retorcida e inxeniosa, e hai varias escenas que resultan tremendamente sorprendentes. Pero si pode dicirse que o resto é un tanto de recheo, e que baixa o nivel neses momentos.

O que está claro é que o guión está pensado para lucimento dos dous protagonistas principais. Todo o demais sobra ou molesta, e a súa falta de intelixencia e glamour desentona do tono xeral que marcan as dúas estrelas.

Thomas Crown está protagonizado por Pierce Brosnan. É un multimillonario que ten a vida máis que resolta e posesións infinitas, éxito na vida e coas mulleres. Obviamente, o papel adáptase bastante ben a el, e cumpre con moita solvencia. Está moi aburrido e decide roubar un cadro de Monet que está nun museo (creo que ese museo non existe na realidade, pero estaría en Nova Iork). Suponse que o rouba para velo tranquilamente na súa casa.

René Russo fai de Catherine Banning, unha detective que traballa para a compañía de seguros que avala ese cadro. É experta en desvelar ese tipo de roubos, e está moi ben pagada porque é moi solvente tamén. Está de máis dicir que, aparte de ser moi fermosa, é tremendamente intelixente e non se lle escapa unha.

Pois aí está a cousa. Thomas Crown rouba un cadro ao comezo da película e Catherine Banning é a única con clarividencia para descubrir que el é o culpable. O resto de policías os presentan como bastante tontos e simples. O que pasa é que, mentres pasa todo iso, comeza a haber unha relación e tensión sexual esaxerada entre os dous protagonistas, e entón a historia xa comeza a retorcerse.

Para min, claramente, a película vale a pena vela principalmente por dúas escenas: o roubo do cadro (ao comezo), e a devolución do cadro (ao final). John McTiernan, especialista en filmes de acción, sabe como facer estas cousas. Para min, resultou entretida, aínda que obviamente, ten altibaixos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-07-2017 16:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal